Feijóo ofrece en Vigo asesoría ás empresas ante a crise do brexit, e advirte dos “falsos profetas”

Pide políticas industriais e non "experimentos" para dar estabilidade e favorecer o crecemento

Aperta entre Feijóo e Caballero na presentacion da nova estacion de bus / © Miguel Núñez.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este venres a apertura dunha oficina física (sen concretar a súa localización) para ofrecer asesoría e información ás empresas ante o escenario do ‘brexit’.

Así o trasladou o titular do Executivo galego nun acto en Vigo con empresarios, no que sinalou que esta oficina virá complementar a recentemente posta en marcha plataforma dixital para empresas que xestiona o Igape, e na que as compañías poden recibir un informe diagnóstico da súa situación e recomendacións ante o ‘brexit’.

Núñez Feijóo avanzou que Galicia contará cunha oficina física para axudar ás empresas neste sentido, e mesmo sinalou que, en función de como se desenvolvan os acontecementos, a Xunta non descarta abrir outra oficina “en Londres” para dar ás ás compañías “información en tempo real”.

O titular do Executivo galego fixo este anuncio durante a súa intervención nun acto con empresarios, no que puxo en valor a importancia das verdadeiras “políticas industriais” fronte ás “mentiras sociolóxicas” dos “falsos profetas”, que pon en risco o desenvolvemento económico e social dun país, unha comunidade ou unha cidade.

Así, o presidente autonómico lamentou a “proliferación” desas “mentiras”, e puxo varios exemplos: a “obstinada negación da crise” do goberno socialista hai 11 anos; a “provisión de mentiras” presentes no desafío independentista de Cataluña; as “mentiras políticas” do ‘brexit’, que levaron a Reino Unido a un “labirinto”; ou as “grandes doses de mentira” do goberno local de Vigo dirixido por Abel Caballero, convertendo a cidade en “obxecto permanente de confrontación”.

Núñez Feijóo subliñou que, ao contrario que as políticas “guiadas por falsos profetas” e os “experimentos de laboratorio”, as institucións deben proporcionar un clima de “estabilidade” para favorecer os investimentos das empresas e o desenvolvemento dos territorios.

Nese contexto, defendeu a súa xestión á fronte da Comunidade Autonóma, as boas cifras de crecemento económico, redución de desemprego ou redución da débeda. “Clamar polas políticas sociais é un slogan baleiro, se non se explica como se financian”, engadiu.

Finalmente, referiuse a os indicadores que confirman a desaceleración económica e advertiu de que “xa nos está afectando”. “Por iso é difícil de entender que o Goberno repita unha e outra vez que somos alleos a ese risco. Soa ao mantra de 2008”, sentenciou.

Por outra banda, e en declaracións aos medios durante unha visita a unha empresa en Ponte Caldelas (Pontevedra), Núñez Feijóo volveuse a referir a a reinversión do superávit (125 millóns de euros no caso da Xunta de Galicia de exercicio de 2018), unha proposta “chea de sentido común”.

“É un diñeiro de Galicia, e non o podemos gastar por cumprir a normativa estatal. O lóxico é que, finalizado o exercicio, déixennolo gastar en Sanidade e outros servizos públicos”, aseverou, e salientou que se trata de que as Comunidades Autónomas poidan facer o mesmo que se fixo en 2018, e o mesmo que poden facer os concellos.