O PP critica que Abel Caballero dea prioridade ao AVE por Cerdedo fronte á saída sur

Enrique López Veiga asegurou que o tramo Vigo-O Porto tamén é imprescindible para "conectar a terminal ro-ro co tráfico ferroviario" dado que o trazado do mesmo alóngase ata o peirao de Bouzas

Elena Muñoz, no pleno/ Miguel Núñez

A portavoz do Grupo Municipal Popular en Vigo, Elena Muñoz, criticou que o alcalde olívico, Abel Caballero, priorizase a variante por Cerdedo da liña de alta velocidade que conectará a cidade con Madrid fronte ao saída sur do Corredor Atlántico, que chegaría ata O Porto. Por iso, denunciou que a súa “lealdade” está “lonxe dos vigueses”.

Deste xeito, Muñoz acusou ao rexedor de manter esta postura para non situarse en contra do seu partido, segundo asegurou tras unha reunión mantida este xoves en Vigo co presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga. Nesta liña, a que tamén é líder do PP local advertiu de que, se o PSOE volve dirixir o Goberno central tras as próximas eleccións xerais, priorizarase o Corredor Mediterráneo sobre o Atlántico.

Así mesmo, Elena Muñoz incidiu na necesidade de que as obras do tramo ferroviario de Vigo empecen de inmediato e sinalou que, se non se inclúe a saída sur nas mesmas, prexudicarase á cidade olívica a e o seu tecido empresarial.

CONEXIÓN CO PORTO

A este respecto, López Veiga asegurou que o tramo Vigo-O Porto tamén é imprescindible para “conectar a terminal ro-ro co tráfico ferroviario” dado que o trazado do mesmo alóngase ata o peirao de Bouzas. Ademais, sinalou a necesidade de que esta infraestrutura estea terminada “nun prazo de dez anos”.

López Veiga tamén se mostrou preocupado pola procura de fondos con Portugal para a saída sur. “Un Estado non pode funcionar en base ás subvencións que poida recibir de Bruxelas”, denunciou.

A maiores, Muñoz reivindicou a importancia de que este proxecto se execute para non “prexudicar” á cidade de novo, en relación ao feito de que fose o da Coruña e non o de Vigo o escollido como porto nodal da Unión Europea (UE).