InicioSociedadeAprobado o Plan Económico Financeiro con motivo do rescate do Auditorio

Aprobado o Plan Económico Financeiro con motivo do rescate do Auditorio

O goberno atribúe a indemnización á "herdanza" do PP e a oposición lembra que ese mesma corporación foi quen ampliou a concesión

PUBLICADO O

O pleno do Concello de Vigo deu luz verde este mércores ao Plan Económico Financeiro (PEF), obrigatorio tras incumprir o teito de gasto no 2018 como consecuencia do rescate do Auditorio Mar de Vigo. Os socialistas votaron a favor, mentres que o PP e Marea se mostraron contrarios.

O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, explicou que este desequilibrio nas contas de 2018 foi motivado por un gasto “conxuntural e non estrutural”. Non o ligou tanto ao rescate do Auditorio como á “herdanza recibida” do PP. Por iso, responsabilizou os ‘populares’ dos actuais problemas: tanto pola aprobación da concesión como pola lei que obriga o Concello a rescatar esa concesión en caso de que crebe a empresa, cousa que ocorreu.

A fío disto, o concelleiro proclamou que o Concello “está a adquirir a prezo de ganga” un Auditorio  “cheo de actividades”. Deste xeito, asegura que poderán aforrar gastos como alugueres de salas, custos de mantemento e outros conceptos. “Tiñamos que pagar 80 millóns de euros, e conseguirmos reducilos a 35 millóns, que se pagan integramente cos aforros de toda a cidade, que veñen dos remanentes e o superávit que fomos reservando”, sentenciou Aneiros.

Ademais, subliñou que, dada a boa situación financeira das arcas municipais, o incumprimento do teito de gasto en 2018 non repercutirá nas contas do 2019, e o PEF aprobado “é un plan sen medidas, porque non supón nada para a cidade”.

“TAPAR VERGOÑAS”

Pola súa banda, o portavoz de Marea, Rubén Pérez Correa, criticou a exposición do concelleiro de Facenda e o feito de que o goberno fixese “unha elipse” no expediente do PEF sobre a traxectoria da concesión do Auditorio. “Flipo, falando coloquialmente. É incrible o que son capaces de pór nun documento sen ningún tipo de reparo”, proclamou, e advertiu de que o rescate “xa custou” diñeiro aos cidadáns.

Así, Pérez Correa lamentou que o Concello de Vigo incumpriu o teito de gasto por “tapar as vergoñas” do Auditorio, non para facer investimentos para os cidadáns. “Falan coma se entre 2006, momento no que o PP aprobou a concesión, e 2013, cando a empresa empeza a pedir o reequilibrio, non pasase nada”, apuntou.

O portavoz de Marea lembrou que foi unha quen modificou a obra e reduciu a superficie do proxecto foi unha xunta de goberno presidida polo actual alcalde. Tamén daquela se ampliara a concesión ata 60 anos, “por non falar de todas as inxeccións de diñeiro público para tentar salvar ao morto”.

TUTELA DA XUNTA

A portavoz do grupo municipal do PP, Elena Muñoz, incidiu en que “o tempo deu a razón” ao seu grupo. Referiuse ás súas advertencias sobre un posible rescate millonario pola “nefasta xestión” da concesión do Auditorio. “Para pagar ese rescate quitaron diñeiro da execución de obras que lles fan falta aos vigueses. Pintaron ingresos, contando a venda do reitorado, que aínda non se produciu. Falseando as contas públicas”, denunciou.

Ademais, puxo o foco en que, segundo recolle a normativa, o PEF aprobado polo pleno ten que recibir agora o visto e prace da Xunta, polo que o Concello vai estar “baixo a tutela financeira” do goberno autonómico. “Conseguiron o premio, estamos tutelados pola administración que, segundo vostedes, é a orixe de todos os males”, ironizou.

Finalmente, acusou ao goberno local de “falsear” tamén os datos do PEF. Critican que se diga que non haberá gastos extraordinarios en 2019 cando está pendente de pagar unha indemnización de 17,6 millóns de euros pola liquidación de Cocheras Olívicas (concesionaria de varios aparcadoiros).

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...