A Fiscalía acusa a nai traballadora do Sergas de “escudriñar” no historial médico da súa filla e non por “preocupación”

A traballadora do Sergas lamenta que a denunciante enganou "ao tribunal e insiste na súa inocencia".

Xuízo contra unha nai acusada de entrar no expediente médico da súa filla /EP

O xuízo contra unha traballadora do Sergas, M.J.O.A. acusada de acceder ao historial médico da súa filla en máis dun centenar de ocasións –sen o permiso desta–, quedou visto para sentenza este luns, nunha xornada na que a Fiscalía mantivo a súa acusación e recalcou que esas intromisións na intimidade non se poden xustificar pola “preocupación” da procesada, se non polo seu intento de “escudriñar” na vida privada da súa filla.

Na sesión deste luns dese xuízo, que se celebra na Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra (con sede en Vigo), a fiscal subliñou que “non é crible” que a filla dese permiso á súa nai para acceder ao seu historial médico, xa que a relación entre elas, que cualificou como “patolóxica”, era practicamente inexistente.

Segundo sinalou, durante a presentación de informes finais, o historial de accesos (máis de cen en apenas dous anos) “non é compatible coa preocupación da nai, senón que se debe máis ben ao interese da acusada por escudriñar na intimidade da súa filla“.

Así, o ministerio público mantén a súa petición de 4 anos de cárcere, multa de 7.200 euros e inhabilitación absoluta por 9 anos. No entanto, non ve acreditados os danos morais á denunciante, polo que non reclama responsabilidade civil.

ACUSACIÓN PARTICULAR E DEFENSA

Na mesma liña, a acusación particular, que exerce a filla, tamén mantivo a súa petición de catro anos de cárcere, 12 anos de inhabilitación e reclama unha indemnización de 15.000 euros, porque considera probado que os trastornos que padece a denunciante agraváronse a raíz do comportamento da nai e da vulneración da súa intimidade.

Para iso, baséase nun informe forense, cuxa autora declarou tamén no xuízo, e sostivo que a denunciante padece un “trastorno de personalidade” pola mala relación cos seus pais e irmáns, que derivou nun “trastorno de ansiedade xeneralizado”. Así mesmo, indicou que estas doenzas se agravaron  “polo comportamento da súa nai, de “vulnerar a súa individualidade como persoa”.

A letrada da acusación sinalou que a acusada “non podía estar preocupada pola saúde da súa filla, porque non tiña problemas de saúde”, e “non usou a información para axudala, senón para prexudicala”, xa que tentou nun par de ocasións internala contra a súa vontade.

Por contra, a defensa de M.J.O.A. pediu a libre absolución da súa patrocinada, e insistiu en que as consultas do historial fixéronse sempre co consentimento da filla. Ademais, pediu que se aplique a eximente 7ª do art.20 do Código Penal (o que obra en cumprimento do seu deber ou no exercicio lexítimo dun dereito, oficio ou cargo), a atenuante 3ª do art.21 (arrebato ou obcecación) e que se teña en conta a circunstancia de parentesco como atenuante e non como agravante.

Esta avogada cuestionou tamén a “credibilidade” da filla, que prestou declaración no xuízo como testemuña, pola “inquina” que ten cara á súa nai, e pediu ao tribunal “que axude a impartir xustiza e non a repartir vinganza”.

“A MIÑA FILLA ENGANOUNOS”

Tras a presentación de informes finais, a acusada fixo uso do seu dereito á última palabra, e insistiu en que as acusacións “están totalmente equivocadas”. “Síntoo, eu non mentín, a miña filla si. Eu se que están a facer o seu traballo, pero enganounos a todos”, lamentou.

M.J.O.A. proclamou que “adora” á súa filla, e negou que tivese problemas na súa infancia ou adolescencia. Segundo explicou, os seus problemas comezaron cando iniciou unha relación cun home que a someteu a malos tratos, e que a ten “totalmente anulada”.

Finalmente, tras insistir en que acompañou á súa filla ao médico, e que consultou o seu historial porque ela llo pediu, sentenciou: “Ela está mal, e o seu problema non son eu”.