InicioPolíticaA plataforma Xuntos asegura que foi o sobriño de Caballero quen destapou...

A plataforma Xuntos asegura que foi o sobriño de Caballero quen destapou o ‘enchufe’ da cuñada de Silva

A plataforma Xuntos, que foi o colectivo que presentou a denuncia inicial polo 'enchufe' dunha cuñada de Carmela Silva nunha concesionaria municipal de Vigo, asegurou este mércores que a información para presentar esa denuncia "saíu do propio PSOE" e apuntou directamente ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e ao exalcalde socialista Carlos Príncipe.

PUBLICADO O

A plataforma Xuntos, que foi o colectivo que presentou a denuncia inicial polo ‘enchufe’ dunha cuñada de Carmela Silva nunha concesionaria municipal de Vigo, asegurou este mércores que a información para presentar esa denuncia “saíu do propio PSOE” e apuntou directamente ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e ao exalcalde socialista Carlos Príncipe.

Nunha rolda de prensa, o portavoz da plataforma, Carlos González Armada, desvelou que Xuntos obtivo información de militantes socialistas acerca desa contratación irregular e doutros ‘enchufes’, que cifra en “decenas, por non dicir centos”.

Tras denunciar os feitos publicamente, o alcalde Carlos Príncipe (que foi expulsado do PSOE vigués e cuxas desavinzas políticas con Abel Caballero e Carmela Silva son notorias) púxose “en contacto” con Xuntos para facilitarlles máis información “que lle transmitía Gonzalo Caballero”, actualmente líder do PSdeG e entón cabeza visible do grupo crítico co alcalde dentro da agrupación socialista viguesa.

“Sabiamos mesmo onde estaban os despachos da sede socialista nos que traballaba V.F.B. (a cuñada de Silva), mentres dicía que traballaba en Imesapi”, proclamou González Armada, quen respondeu ás declaracións da presidenta da Deputación sobre este caso, precisando que “non hai ningunha trama do PP no caso de Carmela Silva, a trama téñena eles montada”.

“Estes feitos foron denunciados por Carlos Príncipe no seu partido, supoñéndolle a expulsión. Quedou demostrado que a expulsión foi inxusta, porque denunciaba a realidade”, proclamou o portavoz de Xuntos, quen lembrou que tamén o PP chegou a denunciar publicamente a existencia de ‘enchufes’ do PSOE, pero non chegou a achegar documentación e nin a denunciar os feitos nos tribunais.

Por outra banda, Carlos González Armada confirmou que a plataforma á que representa non recorrerá a sentenza para que se aumente a condena ao funcionario vigués xulgado por estes feitos (a quen a Audiencia Provincial impuxo cinco anos de prisión), pero si aseverou que debe ser cesado.

Do mesmo xeito, pediu a dimisión do concelleiro Santos Héctor Rodríguez e da propia Carmela Silva, aos que acusa de ser “coñecedores dos feitos”. Ademais, lembrou, cando a familiar de Silva acudiu a declarar no xuízo, “foi escondida” para que non se enfrontase ás cámaras á súa saída do xulgado, e esa decisión só puido tomarse “desde unha instancia que ten certo poder”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...