Abel Caballero comeza xa a planificar a súa cuarta lexislatura con maioría absoluta en Vigo

Atribúe a caída "sen precedentes" da oposición a que están "ás ordes dos seus xefes de Santiago".

Abel Caballero
Abel Caballero, no concerto de Dorian / Miguel Núñez

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrará este luns unha reunión cos 16 concelleiros do seu goberno para abordar os meses que quedan ata as eleccións municipais e “planear ideas para o próximo mandato“.

Así o trasladou o rexedor nunha rolda de prensa na que se referiu a os bos resultados que avanza para el a enquisa publicada este domingo polo diario La Voz de Galicia (e que prognostica que o PSOE terá 18 edís, fronte a 5 do PP, 3 de Marea e 1 do BNG).

Segundo explicou Caballero, este luns, a tres meses dos comicios locais, reunirase cos seus edís “para planificar a acción de goberno ata o final de mandato”, e para facer unha “reflexión” sobre a gran cantidade de iniciativas e obras en marcha. “O nivel de actuación deste goberno é o máis alto que houbo nunca na cidade”, proclamou.

“Quero que tracemos o noso impulso nestes meses e planificar ideas para o próximo mandato. Eu xa teño algunhas maduras, e algúns concelleiros tamén”, sinalou, á vez que precisou, no entanto, que a súa campaña electoral “empezará en maio” e non antes porque ten “moito traballo.

CAÍDA “SEN PRECEDENTES” DA OPOSICIÓN

Por outra banda, o rexedor olívico sinalou que a reunión de goberno tamén servirá para “reflexionar” sobre a “caída en picado, de forma indescritible e sen precedentes na democracia” da oposición, segundo esa enquisa publicada. Esta “caída” débese, incidiu, a que PP e Marea “están ás ordes dos seus xefes de Santiago, en lugar de atender á cidade”.

“Eu vaticineino, temos algúns datos que todos coñecen, non é cuestión de falar deles, pero advertinlle ao PP e díxenlle o que ía pasar. Pois a demoscopia parece que me dá a razón”, incidiu e engadiu: “as eleccións serán o 26 de maio e todo apunta nunha dirección”.