Piden 54 anos de cárcere para un hosteleiro por exhibición de pornografía e abusos a 16 menores

Xulgado de primeira estancia N 13 Vigo / Páxinas Galegas

A Fiscalía pide penas que suman 54 anos de prisión para un hostaleiro vigués acusado de abusos sexuais e exhibición de pornografía ante menores de idade, e que será xulgado entre o 11 e o 15 de febreiro na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo.

Segundo o escrito de acusación pública, entre 2015 e 2017, este empresario aproveitaba o contacto con menores que lle permitía o seu traballo “coa finalidade de obter deles unha confianza que lles levase a executar actos de natureza sexual coa súa intervención”.

Así, o ministerio público acúsao de cometer abusos sexuais continuados contra 16 vítimas, das cales, 5 eran menores de 16 anos; así como de delitos de exhibición de pornografía con respecto a outros dous mozos. O acusado estivo en prisión provisional varios meses, ata que depositou unha fianza e foi excarcerado, coa condición de que non podía residir en Vigo.

Por estes feitos, a Fiscalía pide que sexa condenado a penas que suman 54 anos e tres meses de cárcere, ademais de solicitar que se lle impoñan medidas de afastamento das vítimas e tamén a medida de liberdade vixiada por un prazo de 10 anos.

Con respecto á responsabilidade civil, o ministerio público pide que indemnice ás vítimas por dano moral e outros prexuízos, en cantidades que suman 38.000 euros. Dada a natureza dos feitos que se van a axuizar, a Fiscalía solicitou que a vista se celebre a porta pechada, e que se tomen medidas para evitar o contacto visual entre o acusado e as vítimas.