InicioSociedadePide 4 anos de cárcere e 15.000 euros de indemnización á súa...

Pide 4 anos de cárcere e 15.000 euros de indemnización á súa nai por acceder ao seu historial médico

A denunciante acusa á súa nai de querer facerlle "dano" e nega que autorizase as consultas.

PUBLICADO O

A traballadora do Sergas xulgada en Vigo por un suposto delito de revelación de segredos por acceder en máis dun centenar de ocasións ao historial médico da súa filla asegurou que fixo esas consultas co consentimento dela, aínda que admitiu que a relación entre ambas “é complicada”.

M.J.O.V., que se sentou no banco dos acusados da Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, enfróntase a 4 anos de cárcere e 9 de inhabilitación, e a unha multa de 7.200 euros, segundo a petición da Fiscalía.

A acusación particular, exercida pola súa propia filla, tamén reclama catro anos de cárcere, pero eleva a petición de inhabilitación a 12 anos, unha multa de 8.640 euros e pide, así mesmo, unha indemnización de 15.000 euros por “danos e prexuízos psicolóxicos e morais”.

Durante a súa declaración, a acusada admitiu que, como traballadora do servizo de Admisión do antigo Hospital Xeral, tiña acceso ao sistema informático que almacena os historiais médicos, e que consultou o historial da súa filla en varias ocasións (quedaron rexistrados máis dun centenar de accesos entre xuño de 2012 e abril de 2014), porque ela así llo pediu.

“Accedín ao seu historial sempre que ela pediumo. Sempre o fixen co seu consentimento, aínda que era verbal“, precisou a acusada, quen tamén trasladou que a súa filla tiña problemas de saúde, e que era vítima de violencia de xénero.

Así, a acusada explicou a denuncia da súa propia filla alegando que a parella desta “tena anulada”, e que mesmo chegou a ter en vigor unha orde de afastamento. “El utilízaa, e esa é a razón pola que fai isto. Leva moito tempo manipulada”, argumentou, e engadiu que a denunciante sempre acudiu a ela “cando tiña problemas”, a pesar da súa mala relación.

Pola súa banda, a filla da acusada mantivo ante o tribunal que a relación coa súa nai é mala desde hai anos, e que se foi de casa en 2007 “porque non quería saber nada” dela. “Desde entón apenas falabamos. Non falo con ninguén sobre a miña saúde, e menos con ela”, afirmou.

A denunciante explicou que soubo dos accesos da súa nai ao seu historial porque, tras trasladarse a vivir a outra Comunidade Autonóma, tivo que reclamar a súa historia médica. Cando recibiu a documentación comprobou “que faltaban cousas, e que había anotacións feitas coa letra” da acusada.

Esta testemuña proclamou que “xamais” pediu á súa proxenitora que accedese ao seu historial, e negou que a nai a acompañase nunca a consultas médicas ou probas. De feito, incidiu en que a súa nai exerceu sobre ela “abuso emocional e psicolóxico” e que lle fixo “moito dano desde pequena”.

Por outra banda, negou que fose vítima de violencia de xénero, ou que padeza un trastorno alimentario polo que, denunciou, a súa familia quixo internala en contra da súa vontade. Así mesmo, aseverou que non é unha muller maltratada e que a súa parella non a manipulou para denunciar á súa nai.

Finalmente, afirmou que a súa nai non accedeu á súa historia médica por preocupación senón “para facer dano” e xustificou que pida unha indemnización porque, apuntou, a acusada esnaquizoulle ” a vida”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...