InicioEconomíaOs traballadores de Vulcano saen á rúa: "Cinco meses sen cobrar, non...

Os traballadores de Vulcano saen á rúa: “Cinco meses sen cobrar, non podemos aguantar”

Os traballadores seguen esperando un acordo entre empresa e provedores para avanzar e acusan á Xunta de falta de vontade para solventar a súa situación. VÍDEOS.

PUBLICADO O

Máis dun centenar de traballadores, delegados sindicais e representantes dalgúns partidos políticos manifestáronse este mércores en Vigo para esixir un acordo que permita concluír a construción do ferri en Vulcano, e un plan de viabilidade para o futuro do estaleiro.

Na marcha, que partiu das instalacións da empresa sobre as 10,20 horas, participaron representantes de CIG, CC.OO. e UGT, así como concelleiras de Marea de Vigo, deputados de En Marea, e responsables locais do BNG. Os traballadores corearon consignas como “Vulcano solución”, “Xunta cómplice” ou “Cinco meses sen cobrar, non podemos aguantar”.

Ao final do percorrido, ante a delegación territorial da Xunta en Vigo, o presidente do comité de empresa de Vulcano, Nicolás Sangabriel, sinalou que a protesta ten como primeiro obxectivo que o persoal de Vulcano cobre as nóminas que se lles deben, e que as empresas auxiliares tamén poidan cobrar.

Así mesmo, advertiu de que “hai que manter a actividade industrial” do estaleiro, porque se cae “non sería o último”. Por iso, pediu “pelexar” porque Vulcano “siga construíndo barcos” e “protexer os postos de traballo no futuro”.

Nesa mesma liña pronunciáronse os portavoces de todos os sindicatos. Así, César Rodríguez, da CIG, insistiu nas consecuencias que tería para a industria auxiliar a liquidación de Vulcano sen acabar o ferri e pediu á Xunta un plan para que o estaleiro non desapareza.

RESPONSABILIDADES

Rubén Pérez (UGT), pola súa banda, recalcou que a crise deste estaleiro centenario non foi provocada polos seus traballadores nin polos operarios das industrias auxiliares. Segundo apuntou, “houbo unha mala xestión” da dirección da empresa, “pero a Xunta tampouco cumpriu o seu labor de velar polos acordos”.

Traballadores de Vulcano fronte a sede da Xunta / Miguel Núñez

Finalmente, Celso Carneiro (CC.OO.) advertiu de que “a industria en Galicia está a morrer e a Xunta non fai nada“, e pediu aos traballadores de Vulcano permanecer “unidos” porque “non son culpables” do que está a pasar. “Non imos permitir que nos volvan a pasar a factura dos problemas”, sentenciou.

O persoal de Vulcano segue á espera de que a empresa chegue a un acordo cos seus acredores da industria auxiliar, para que Santander e Armas desbloqueen a finalización do barco, e se poida acceder aos avais e ao financiamento. Mentres, os traballadores seguen pedindo que se lles pague polo menos o equivalente a dividir dúas nóminas entre 73 empregados.

ÚLTIMAS

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

Decretan prisión para o recluso da Lama investigado pola morte da muller que apareceu no Porriño

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 do Porriño decretou prisión provisional, comunicada...

Sae o vehículo número 16 millóns de Stellantis, un Fiat E-Dobló 100% eléctrico

Stellantis Vigo produciu este martes o seu vehículo número 16 millóns desde que a...

Expertos analizan no Porriño o “difícil” camiño das vacinas pendentes

A Asociación Nacional de Informadores da Saúde (ANIS), en colaboración con Zendal, organizaron no...