InicioSociedadeTres mariñeiras embarcáronse grazas ao proxecto Redmar II para o fomento da...

Tres mariñeiras embarcáronse grazas ao proxecto Redmar II para o fomento da igualdade de xénero

A Cooperativa de Armadores de Vigo acolleu este xoves a presentación de resultados do proxecto Redmar II, impulsado pola fundación Fundamar, e que logrou, ata agora, o embarque de tres mulleres (profesionais tituladas náutico-pesqueiras) en buques pesqueiros que faenan en diversos caladoiros.

PUBLICADO O

A Cooperativa de Armadores de Vigo acolleu este xoves a presentación de resultados do proxecto Redmar II, impulsado pola fundación Fundamar, e que logrou, ata agora, o embarque de tres mulleres (profesionais tituladas náutico-pesqueiras) en buques pesqueiros que faenan en diversos caladoiros.

Así o explicou a xerente de Fundamar, María Caldeiro, quen lembrou que esta iniciativa persegue dous obxectivos fundamentais: por unha banda, reforzar a rede de axentes socioeconómicos e institucións implicadas en visibilizar ás mulleres profesionais do sector, e, por outro, promover a empregabilidade desas mulleres, que non só queren ser mariscadoras ou rederas, senón “subir a bordo” das naves e acometer labores tradicionalmente reservadas aos homes, e para as que están formadas e capacitadas.

Nese sentido, María Caldeiro subliñou que son xa 18 as institucións que se implicaron directamente na rede, e confirmou que, en 2018, recibíronse medio centenar de currículos de mulleres na convocatoria aberta para fomentar ese embarque de profesionais femininas.

Tras descartes por falta de cualificación demandada ou por incumprimento de requisitos, seleccionáronse 14 candidatas “válidas para o embarque”. Posteriormente, en función das demandas de  armadoras, reduciuse a selección e xestionáronse 5 ofertas de emprego, das cales, 3 acabáronse materializando.

Así, Lida (patroa de altura e segunda piloto de mariña mercante), embarcou como segunda oficial de ponte e atópase faenando en Malvinas; Paula (patroa de litoral e cabotaxe) desenvolveu o seu traballo durante unha semana nun barco de cerco; e Arantxa partirá proximamente rumbo a Uruguai e Malvinas, tras unha experiencia nun barco de palangre en Gran Sol.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, foi a encargada de clausurar esta xornada, nun acto no que subliñou que a administración leva “25 anos traballando pola profesionalización e o recoñecemento dos dereitos das mulleres no mar”.

Quintana puxo en valor iniciativas como Redmar, que supuxo, ademais, a formación de tripulantes en activo sobre “igualdade de xénero e sobre a necesaria habilitación para as tripulacións mixtas”.

Así mesmo, recalcou que se trata de “un intercambio de coñecementos e posta en común de experiencias profesionais e vitais, unha ferramenta de formación que axuda a facer visible o emprego feminino a bordo, e que analiza as condicinoes laborais e de seguridade desde a perspectiva de xénero”.

A conselleira subliñou que estes eixos de traballo coinciden coa filosofía do seu departamento, de pór en valor e visibilizar o emprego feminino neste sector, fomentando o asociacionismo e a concienciación.

No entanto, advertiu de que “queda moito por facer” e animou a seguir traballando para adoptar “medidas máis eficaces” para loitar contra a discriminación, garantir a igualdade de dereitos, prestacións e seguros, e recoñecer a cualificación profesional destas traballadoras.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...