InicioPolíticaO PP abandona o pleno de Vigo polo "desprezo" do alcalde ao...

O PP abandona o pleno de Vigo polo “desprezo” do alcalde ao marchar dez minutos de sesión

Abel Caballero atribúe o xesto a un acto "electoral" e lembra que Feijóo tamén se ausenta do Parlamento.

PUBLICADO O

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo abandonou este mércores o pleno como “sinal de protesta” polo “desprezo” demostrado –acusan– o alcalde, Abel Caballero, quen se ausentou ao dez minutos unha vez iniciada a sesión.

O abandono do pleno por parte do grupo ‘popular’ imposibilitou o debate das dúas mocións que presentaron para esta sesión. Unha delas instaba o pleno a mostrar o seu rexeitamento aos Orzamentos Xerais do Estado por danar a cidade, e a outra reclamaba a comparecencia da tenente de alcalde e presidenta da Deputación, Carmela Silva, para dar explicacións políticas sobre o suposto ‘enchufe’ da súa cuñada nunha concesionaria municipal.

Tras abandonar a sesión plenaria, a portavoz do grupo municipal do PP, Elena Muñoz, explicou que o seu grupo dixo “xa abonda”, ante o “desprezo continuado” de Abel Caballero ao órgano que “representa a todos os vigueses”. “Abandona os plenos de forma continua, non acabou un en todo o mandato”, sinalou a edila.

Ademais, subliñou que o rexedor non marchou do pleno por algo imprevisto, senón que xa programara ” na súa axenda actividade para a mesma hora á que se estaría celebrando” esa sesión plenaria, “igual que Carmela Silva”. “Non lles interesa escoitar outras opinións distintas ás súas. Chegamos ao límite, isto non é un desprezo á oposición, senón aos vigueses”, proclamou Elena Muñoz.

O PP pediu ao rexedor “que rectifique” e teña “altura de miras”, porque o pleno “merece o respecto do máximo responsable da cidade”.

COMPARACIÓN CON FEIJÓO

Ante a protesta e as críticas do grupo popular, o alcalde, Abel Caballero, en rolda de prensa, limitouse a constatar que “o alcalde está sempre na parte dispositiva dos plenos” e que, para o resto de puntos, só deben estar “os portavoces dos grupos e quen vai defender e votar as mocións”.

Por iso, acusou aos ‘populares’ de facer “campaña electoral” co seu xesto, e lamentou que “o día que deron clases de democracia non estaban”.

Por outra banda, o alcalde subliñou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “non está na maioría de plenos do Parlamento” e que, de feito, este mesmo mércores abandonou a cámara autonómica. “E non o recrimino, é a lóxica da democracia, e non vexo que o grupo parlamentario popular se levante”, dixo, e engadiu que a súa axenda deste mércores é “moi densa” e “vaino a seguir sendo todos os días do ano”.

O alcalde de Vigo abandonou a sesión plenaria para manter unha reunión co director provincial de Costas, Enrique Fernández, e preguntou: “Será que ao PP moléstalle que me reúna con Costas ou será que lles gusta o batifondo?”.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...