O PP denunciará o “manexo” do Concello para pagar o rescate do Auditorio

Acusan o goberno local de "inventarse ingresos" no marco desta operación, en referencia a 5,6 millóns dunha "venda que aínda non se produciu".

Elena Muñoz, candidata do PP de Vigo /EP

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo anunciou este xoves que denunciará ante o Consello de Contas o “manexo contable” do goberno de Abel Caballero para facer fronte ao pago do rescate do Auditorio. En concreto, falan dunha operación que inclúe “inventarse ingresos”, como os procedentes da venda do antigo reitorado.

Segundo explicou en rolda de prensa a portavoz do grupo ‘popular’, Elena Muñoz, ante a denuncia de que se computaron como ingresos en 2018 os 5,6 millóns de euros da venda do antigo reitorado, o goberno local “non deu nin unha explicación”, senón que “recorreu ao insulto fácil e a descualificación”.

A concelleira do PP recordou que a venda dese edificio municipal, entre as rúas Areal e Opoto, aínda se atopa en trámite de alegacións, e non foi referendada polo Pleno, ademais de estar pendente dunha modificación urbanística. Con todo, constatou que o goberno municipal xa contabilizou o ingreso para completar os 35 millóns de euros que acordou pagar polo rescate do Auditorio Mar de Vigo (cuxa concesionaria crebou).

Así, ademais deses 5,6 millóns “dunha venda que aínda non se produciu”, o goberno municipal paga o rescate con outros 15,6 millóns de remanentes; 8 millóns do superávit; 2,6 millóns da venda do antigo hotel Samil; e 4 millóns “desviados” da Xerencia de Urbanismo e que se tiñan que dedicar a promoción de vivenda pública.

Ante as declaracións do goberno local de que esta operación contou co aval dos técnicos do Concello, Elena Muñoz subliñou que “todos saben como o goberno municipal presiona os funcionarios, levándoos ata o límite e forzando a normativa”. “Imos ir ata as últimas consecuencias”, proclamou.