InicioSociedadeA cuñada de Carmela Silva acusada de enchufe defende "non acordarse" de...

A cuñada de Carmela Silva acusada de enchufe defende “non acordarse” de cal era o traballo nin de como accedeu a el

O tribunal reconvino á testemuña polas súas continuas evasivas e por reiterar que non recordaba nada.

PUBLICADO O

A testemuña V.F.B., cuñada da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que declarou este mércores no xuízo polo seu suposto ‘enchufe’ na concesionaria municipal de Vigo, Imesapi, asegurou ante o tribunal que conseguiu ese traballo “entregando o currículo” na propia empresa.

A forma en que a testemuña respondeu ás primeiras preguntas, realizadas pola Fiscal, motivou a advertencia por parte do xuíz de que podería ser procesada por obstrución á xustiza, dadas as evasivas coas que realizou a súa declaración.

Así, V.F.B. respondeu en reiteradas ocasións que non recordaba ou que non tiña “nin idea” de cal fora o seu traballo en Imesapi, de como accedeu a ese emprego, ou de quen lle daba as instrucións para levar a cabo o seu desempeño.

Ante a súa actitude, o presidente do tribunal chegou a preguntarlle se recordaba traballar algunha vez nalgún sitio, ou se recordaba a que colexio ía a súa filla. “Non pode dicir que non se acorda de nada, porque iso podería ser unha negativa a declarar, e non se lle pode permitir. Algo terá que declarar, porque a súa postura non resulta sostible”, a reconvino o maxistrado, quen engadiu: “Acollerse de forma cómoda ao ‘non me acordo’ tamén é faltar á verdade”.

Tras esta advertencia, V.F.B. acabou admitindo que traballou, contratada pola concesionaria, para facer substitucións nos centros cívicos e para facer enquisas no Concello olívico, e aseverou que conseguiu ese traballo “entregando o currículo” na propia empresa.

Esta testemuña, que estaba citada para este martes e non se presentou, compareceu finalmente este mércores, despois de que o xuíz ordenase á Policía a súa localización e condución aos xulgados. De feito, V.F.B. chegou acompañada por un familiar e entrou na sala de vistas escoltada por dous axentes.

INFORME PERICIAL

Durante a xornada deste mércores tamén prestou declaración un perito xudicial socióloga, para defender o seu informe sobre as enquisas encargadas a Imesapi, e concluíu que o prezo que pagou o Concello por elas estaba moi encima do valor do mercado para este tipo de traballos.

Ademais, testificou que todas as enquisas e informes, cuxa autoría é descoñecida (Imesapi negou a súa elaboración e V.F.B. só admitiu facer as chamadas telefónicas), adoecen de “os mesmos fallos”: falta de rigor metodológico, prazos de execución “chocantes” por escasos, erros na mostra, ausencia de fichas técnicas, etc.

Por outra banda, tamén compareceron como testemuñas os funcionarios que eran interventores durante o tempo en que se adxudicaron os contratos menores a Imesapi (supostamente, e segundo a acusación, contratos que servirían para pagar a nómina de V.F.B.), aínda que subliñaron que non se produciron irregularidades administrativas nos expedientes e que non se puxeron reparos.

CONCLUSIóNS

Tras as probas testificales, a Fiscalía presentou as súas conclusións e mantivo as acusacións contra o funcionario Francisco Javier G.O., e o exgerente de Imesapi, Ramón C.A., polos supostos delitos de prevaricación, malversación de caudais públicos e falsidade documental. Para o primeiro, pide 8 anos de cárcere e 30 de inhabilitación, e para o segundo, 7 anos de prisión.

A Fiscalía mantivo que a adxudicación de varios contratos menores a Imesapi tiñan como única finalidade pagar a nómina de V.F.B., cuxa contratación foi “imposta” desde o Concello, neste caso polo funcionario acusado.

Así mesmo, recalcou que non se sabe quen fixo as enquisas e os informes, pero que non foron nin a cuñada de Carmela Silva nin a empresa Imesapi (aínda que foi contratada para iso). Xa que logo, o Concello pagou por uns traballos que non foron elaborados por quen recibiu o encargo, e foi o funcionario acusado o que deu conformidade ás facturas.

A representante do ministerio público, ao finalizar a súa intervención, pediu ao tribunal que tivese en conta que a declaración de V.F.B. fora “interesada” porque “só contestou a aquilo que beneficiaba a Francisco Javier G.O.”. “A credibilidade desta testemuña debe ser valorada polo tribunal”, concluíu.

Finalmente, os avogados defensores de ambos os acusados pediron a libre absolución dos seus patrocinados. Así, o letrado de Francisco Javier G.O. cualificouno como un “funcionario exemplar”, e recalcou que este non tivo “ningunha intervención” na contratación de V.F.B. e que non ten facultade para dispor de caudais públicos.

Tamén proclamou que, se Imesapi non fixo os traballos que lle encargaron, “o Concello sente enganado, pero o certo é que as enquisas están aí”.

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo esixiu este mércores “responsabilidades políticas” polo suposto ‘enchufe’ dunha cuñada de Carmela Silva nunha concesionaria do Concello, que estes días se está xulgado na Audiencia Provincial de Pontevedra.

A portavoz do grupo, Elena Muñoz, subliñou en rolda de prensa que, á marxe das consecuencias xudiciais que poida ter o caso, debe haber consecuencias políticas” porque “resulta unha curiosa coincidencia que, dos miles de vigueses, sexa precisamente a cuñada da tenente de alcalde a contratada por unha concesionaria municipal”.

Segundo subliñou a edila do PP, o propio exgerente da concesionaria Imesapi recoñeceu no xuízo que “houbo unha indicación expresa do Concello para a contratatación” deste familiar da presidenta da Deputación. “E o xefe de servizo négao… o mesmo para o que hai uns meses o goberno creou unha praza a medida que foi anulada polos tribunais. Non ten ningunha credibilidade”, constatou.

Elena Muñoz recordou que “a señora Silva é moi xenerosa coa súa familia”, e apuntou que hai “outro cuñado” da presidenta da Deputación que é concelleira e tenente de alcalde, logo de ser asesor.

Finalmente, cuestionou a política de contratación do goberno municipal de Vigo, con máis de 2.660 interinos o ano pasado, “evitando convocar oposicións”. “Un concello que abusa dos contratos menores que se dan de forma directa e que emprega, en definitiva, unha serie de prácticas que a nós non nos cheiran nada ben”, sentenciou.

En resposta ás críticas do PP, o portavoz do goberno local, Carlos López Font, afirmou “categoricamente” que todos os contratos no Concello fanse a partir dunha bolsa “pública e transparente” que inclúe a aspirantes que pasaron “por uns exames”. “Algo que non ocorría cando eles estaban”, precisou o concelleiro socialista, quen pediu “non mesturar os procedementos xudiciais coa política de contratación”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...