InicioPolíticaEn Marea e BNG defenden na comisión do Marisquiño que a responsabilidade...

En Marea e BNG defenden na comisión do Marisquiño que a responsabilidade non é exclusiva do Concello

Os grupos lamentan a falta de colaboración do goberno vigués na achega de documentos.

PUBLICADO O

Os portavoces dos grupos municipais da oposición do Concello de Vigo compareceron este martes na comisión parlamentaria que investiga o accidente do Marisquiño e, mentres que a edil do PP Elena Muñoz sinalou ao goberno local como único responsable do sucedido, o portavoz de Marea, Rubén Pérez, apuntou que a responsabilidade “non é exclusiva” do Concello, posto que colapsou un peirao de uso náutico deportivo.

Durante a súa comparecencia, a portavoz ‘popular’ puxo en evidencia de novo “o feito de que o goberno de Abel Caballero pechase todas as portas” para “dar explicacións” no ámbito municipal e recalcou que o seu grupo só tivo acceso a “parte do expediente” que pediu ao goberno vigués.

Muñoz, que puxo esa documentación “a disposición” da comisión parlamentaria, incidiu en que a pregunta clave” é por que o alcalde, sendo “perfecto coñecedor” da deterioración do paseo, autorizou a celebración do concerto e “non fixo as comprobacións de seguridade que esixe a lei”. “Indubidablemente, a competencia de manter o paseo é do Concello”, engadiu.

A portavoz municipal do PP tamén denunciou que non se activou o Plan Municipal de Urxencias”, que non se fixo control de aforamento”, e que, en definitiva, o Concello limitouse a autorizar dúas actividades puntuais, pero “non había licenza municipal” para o evento de forma global.

Elena Muñoz, que eludiu en todo momento referirse ao papel do Porto na celebración do festival, proclamou que o expediente administrativo do Concello relativo ao festival O Marisquiño, foi “un despropósito” e afeou ao rexedor, Abel Caballero, que “dea as costas” aos feridos cando, antes e durante o evento, foi “o protagonista”, e foi fotografado “nunha piscina de bólas” ou “montando en bicicleta”.

Pola súa banda, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez Correa, que tamén compareceu este mércores na comisión do Marisquiño, advertiu de que a responsabilidade sobre o accidente “non é exclusiva” do Concello.

A ese respecto, incidiu en que, aínda que o goberno municipal tramitou a autorización, tamén houbo implicación de Zona Franca e da Autoridade Portuaria na celebración do festival.

Así, en canto ao papel do Porto, Rubén Pérez explicou que o accidente non se debeu ao afundimento “duns taboleiros de madeira”, senón ao colapso estrutural dun peirao que, segundo o plan de usos portuarios, está en espazo náutico deportivo. No entanto, recoñeceu a pouca claridade do convenio de colaboración (asinado nos anos 90) para o mantemento desa zona.

O concelleiro de Marea, que pediu o cesamento do presidente do Porto vigués, Enrique López Veiga, pola súa “irresponsabilidade”, tamén criticou que o Concello de Vigo non teña actualizado o seu Plan de Urxencias e que non quixese coordinarse cos efectivos de urxencia de Galicia, así como que concedese autorización de forma “improvisada” para O Marisquiño.

O representante do PP na comisión, o deputado Alberto Pazos, mantivo a tese de que o Porto se limitou a ceder un espazo e que, en todo caso, a responsabilidade de autorizar o festival e comprobar que había condicións de seguridade, era do Concello, “tal e como establece a Lei de Espectáculos de Galicia”.

Por iso, rexeitou que se pretenda “endilgar” a Enrique López Veiga “unha responsabilidade que non ten”. Aínda así, matizou, o presidente do Porto de Vigo “dará a cara” ante a comisión, en contraposición con quen practica “o escapismo político”, en alusión a Abel Caballero.

A deputada de En Marea, Carmen Santos, pola súa banda, lamentou que, se é certo que o PP e o Porto coñecían e advertiran do mal estado do paseo onde se produciu o accidente, non tomasen medidas.

Así mesmo, afeou a Elena Muñoz o seu “uso partidista” da comisión e a súa falta de alusións ao Porto ou a Xunta, porque “houbo responsabilidades compartidas”.

Mentres, o deputado do BNG, Luís Bará, foi conciso nas súas intervencións e recalcou, en varias ocasións, que a comisión parlamentaria do Marisquiño viuse “degradada” e está “en vía morta” pola negativa das administracións gobernadas polo PSOE (Concello de Vigo, Zona Franca e Portos do Estado) a achegar documentación e colaborar.

No entanto, cuestionou o papel do Porto, que autorizou a cesión de espazos para o festival “aínda sabendo que ese peirao estaba en mal estado”, e denunciou o “espectáculo de circo lamentable” ofrecido polo goberno galego e polo goberno vigués, “comodamente instalados na confrontación”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...