Font defende que a comisión de investigación do Marisquiño é “unha falta de respecto á actuación xudicial”

López Font di que aínda descoñece se acudirá ou non á citación no Parlamento

Carlos López Font/ Miguel Núñez

O concelleiro de Seguridade do Concello de Vigo, Carlos López Font, sostivo este venres que a comisión de investigación sobre o accidente do Marisquiño que se está celebrando no Parlamento de Galicia é “unha falta de respecto á actuación xudicial que se está levando a cabo” e agregou que a posición do PSDEG de “deixar traballar á xustiza” é “a que debería manter todo o mundo”.

“É evidente que BNG, En Marea e Partido Popular están no absoluto ridículo. Afirmámolo e reafirmámolo. Esta comisión de investigación é unha grave interferencia na autonomía local e está deseñada desde o puro partidismo político desde o PP coa complicidade de BNG e En Marea”, esgrimiu o socialista.

En varias ocasións, o titular de Seguridade referiuse á comisión do accidente no que se afundiu parte do paseo das Avenidas durante a celebración dun concerto, que deixou 467 feridos, como “un atentado contra a autonomía local” producido “por un interese político e electoral”.

Deste xeito, Font reiterou a súa crítica ao presidente do Goberno galego por non acudir á cidade olívica aquel domingo de agosto. “O que vexo é que teñen que seguir explicándonos por que non veu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a Vigo a noite do accidente, cando estaba moi preto desta cidade…”, sinalou.

“Débenlle aínda unha explicación a esta cidade no seu conxunto e, especialmente, ás vítimas”, engadiu Font, quen argumentou que ao presidente da Xunta correspondíalle estar presente a noite do accidente no paseo das Avenidas “no plano institucional” e no “humano”.

Sobre o calendario de comparecencias da comisión de investigación, á que Font confirmou que está citado o próximo 19 de febreiro –o mesmo día que Alberto Pazos, portavoz da comisión, sinalou que está citado o alcalde de Vigo–, o concelleiro de Seguridade esgrimiu que acudir ou non é unha posición “persoal”.

“Cada un dos que fomos convocados manifestaremos no momento que consideremos oportuno a nosa posición sobre esas convocatorias, non cando queira o Partido Popular”, afirmou Font, para engadir: “Eu nunca dixen nin que ía comparecer, nin que non ía comparecer. Ninguén se manifestou neste sentido”.

“Manifestarei o meu posicionamento no momento que considere porque aínda falta para esa comparecencia, no meu caso persoal, un mes e oito días”, insistiu o titular de Seguridade.

O socialista sostivo que “parece que é o Partido Popular o que quere dirixir esta comisión” e que utiliza as comparecencias para “ameazar”.

Neste sentido, Font trasladou que non lle preguntou ao rexedor vigués, Abel Caballero, se acudirá ou non a esta comisión e declarou descoñecer que ambos están citados o mesmo día no Parlamento galego.

O portavoz municipal socialista recordou que o Consello Xeral de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local (Cosital) rexeitou elaborar un informe xurídico, como se lle demandou desde a comisión parlamentaria, porque “non está de acordo cos estatutos do colexio” e porque considera que dita comisión ten “un dimensionamiento político”.

Por outra banda, Font manifestou que o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, “recoñece e coñece” a posición de Portos do Estado e do Ministerio de Fomento respecto da entrega de documentación a esta comisión parlamentaria porque se considera que ao ser o Porto un organismo integramente estatal –sinalou o socialista indicando que son palabras do propio López Veiga– non estaría suxeito ás comisións de investigación dun parlamento autonómico”.