Elena Muñoz: “Parece que as concesionarias son as que mandan” en Vigo e o Concello “non fai nada”

A portavoz municipal do Partido Popular de Vigo, Elena Muñoz, criticou este xoves que a empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza, FCC, "incumpre" o seu contrato a pesar de que se lle pagan "seis millóns de euros máis" que no anterior.

Elena Muñoz no Paseo de Bouzas/ Miguel Núñez

A portavoz municipal do Partido Popular de Vigo, Elena Muñoz, criticou este xoves que a empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza, FCC, “incumpre” o seu contrato a pesar de que se lle pagan “seis millóns de euros máis” que no anterior.

Elena Muñoz sostivo que “mentres os vigueses cumpren puntualmente coas súas obrigacións” de pago, as concesionarias “parece que son as que mandan” e o Concello “non fai nada”.

A popular denunciou que “a concesionaria está a incumprir ata seis servizos do contrato”, os que se refiren ao “punto móbil de recollida de residuos, recollida e tratamento de animais domésticos mortos, recollida de restos de poda, recollida de residuos de construción, habilitación dun número 900 para a atención ao cliente e activación de aplicación”.

Uns servizos, recordou Muñoz, polos que a empresa FCC obtivo “a máxima puntuación” no concurso. Por este motivo, a popular instou ao Concello a obrigar á concesionaria a prestar estes servizos e a aplicar os pregos pois este incumprimento supón “unha sanción moi grave” pola que se lles pode impor unha multa de ata “tres millóns de euros”.

“Queremos acción, que se sancione, se faga cumprir o contrato e que isto repercuta nunha baixada da taxa de lixos para os vigueses”, aseverou Muñoz. Por outra banda, Muñoz tamén recordou que o contrato a FCC aumentou de 24 a 30 millóns de euros o ano pasado, cando esta compañía renovou a súa concesión.