InicioEconomíaUnha visita aos terreos do futuro World Car Center de Vigo para...

Unha visita aos terreos do futuro World Car Center de Vigo para poñer en valor as súas posibilidades

O Consorcio da Zona Franca conta iniciar a execución da obra a principios do ano 2020 e converter este espazo nun "referente" mundial da tecnoloxía do automóbil. Os arquitectos participantes no concurso tamén estiveron presentes neste acto.

PUBLICADO O

O delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, percorreu este martes as parcelas que albergarán o futuro World Car Center de Vigo (WCCV) cos arquitectos dos 16 proxectos que irán a concurso este ano. Regades destacou as posibilidades desta iniciativa e mesmo falou de convertelo nun “referente” fóra de Galicia.

“Terá que ser un edificio no que desde a súa fachada se poida ver que alberga coñecemento, que cando a xente entre no seu vestíbulo saiba que alí se xera a maior tecnoloxía do automóbil do mundo“, afirmou o delegado da Zona Franca.

Entre os seleccionados para este proxecto figuran tres estudos galegos -entre os que están o de César Portela e o de Guadalupe Piñera e Jesús Irisarri-, doce estudos do resto da península e un estudo internacional.

“Queremos que o World Car Center sexa un referente, a carta de presentación de Vigo como polo ibérico do automóbil”, manifestou Regades ante os arquitectos que terán que presentar os seus anteproxectos a principios do mes de abril.

Segundo trasladou a Zona Franca, o WCCV será unha construción de 14.000 metros cadrados, composta por dous inmobles comunicados entre si por catro plantas dun edificio preexistente. Con este obxectivo, está previsto un investimento que superará os 14 millóns de euros.

O xurado terá 45 días para valorar as 16 propostas dos arquitectos participantes. Polo tanto, a mediados do mes de maio coñecerase ao finalista, que terá sete meses para executar o seu proxecto. É dicir, Zona Franca conta con iniciar o concurso de obra e a súa execución a principios do ano 2020.

CLÚSTER DO AUTOMÓBIL

Nesta construción, segundo indicou Zona Franca, aloxarase o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), así como a sede da aceleradora de empresas de automoción de Galicia, a Business Factory Auto (BFA), e a nova incubadora do sector, a High Tech Auto .

Así mesmo, o director de obras de Zona Franca, José Ramón Torres, destacou que o edifico contará cun “hall showroom que sorprenda” e que se converta nun “gran espazo absolutamente tecnolóxico” que asombre a quen accedan ao edificio.

A actuación está prevista sobre catro plantas do edificio que ocupa o número 40 da avenida Alcalde Portanet, amais de sobre as dúas parcelas lindeiras. Trátase dun enclave situado fronte ao parque empresarial de Balaídos, onde está situada a factoría de PSA-Citröen, e á beira do estadio do Celta.

RECUPERAR O LAGARES

O proxecto contempla incluír ao río Lagares na actuación, que pasa por detrás do que será o WCCV. “Temos unha oportunidade histórica para integrar o Lagares na cidade. É algo que a industria lle debe á cidade”, sostivo David Regades.

O director de obras de Zona Franca engadiu que se pretende anchear o borde do río” e recuperar o paseo do Lagares, que “vertebra” a cidade. “Esperamos que sirva de aliciente aos promotores para que sigan a tendencia e ir recuperando o río”, aseverou.

Ademais, José Ramón Torres apuntou que están en conversacións cos veciños que residen no resto de plantas do edificio que se integra no proxecto para poder actuar sobre toda a fachada do mesmo “e dar continuidade” ao novo deseño.

ÚLTIMAS

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...

O BNG de Vigo pide ao Concello a mobilización de 200 millóns de remanentes ante a “ameaza” de bloqueo este ano

O BNG de Vigo urxiu ao goberno local de Vigo que mobilice uns 213...

Abel Caballero celebra a chegada da moi alta tensión eléctrica á cidade: “É o que Stellantis e a cidade quería”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou este mércores o anuncio da aprobación no Consello...