InicioSociedadeO Sergas chama aos seus traballadores e a cidadanía galega para "dar...

O Sergas chama aos seus traballadores e a cidadanía galega para “dar ideas” á Xunta de como mellorar a sanidade

Ademais, veñen de anunciar a ampliación do centro de saúde do Porriño.

PUBLICADO O

A Consellería de Sanidade avanzou este venres que busca canles de participación para recoller achegas e “ideas de mellora” dos cidadáns no proceso de configuración do “novo modelo de Atención Primaria” en Galicia.

Así o trasladou, en declaracións aos medios, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, durante unha visita ao Centro de Saúde do Porriño, na que estivo acompañado polo xerente da área sanitaria de Vigo, Félix Rubial.

Cuestionado acerca da situación da Atención Primaria e sobre as protestas de profesionais por falta de recursos, o conselleiro insistiu en que o seu departamento segue “aberto” ás achegas dos traballadores para mellorar o modelo e avanzou que, tendo en conta que o novo modelo de Atención Primaria “debe saír do consenso”, o Sergas buscará vías de participación para os cidadáns.

Manifestación pola sanidade pública/ Miguel Núñez

Deste xeito, explicou, “a sociedade en xeral tamén pode achegar ideas de mellora”, e trátase dun modo de participación que xa se probou en Montecelo e no CIS de Cangas-Moaña, con “bo resultado”.

Por outra banda, recordou que os grupos profesionais de mellora de Atención Primaria comezarán a traballar a próxima semana –martes e mércores–, e está previsto “sacar conclusións a principios de febreiro”. A partir de aí, sinalou, tomaranse medidas, algunhas a curto prazo, como o “novo contrato máis estable” no que se está traballando”.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña / Europa Press

Vázquez Almuiña fixo un chamamento aos profesionais para que participen no proceso coas súas suxestións e propostas, e incluso animou a aqueles que o desexen e aínda non o fixeron a sumarse a estes grupos.

ampliación do centro de saúde do porriño

Por outra banda, o conselleiro de Sanidade anunciou este venres que o seu departamento contratará “en próximas semanas” o proxecto básico para acometer a ampliación do Centro de Saúde do Porriño, e precisou que as obras poderían comezar en 2020.

O conselleiro explicou que este centro ten “moitísima actividade” e que, como consecuencia da reordenación da área sanitaria, xa fora “reforzado en persoal e con reformas interiores”. No entanto, admitiu que é necesario “incrementar o volume do edificio” para dotalo con novos servizos e mellorar a súa funcionalidade.

Segundo avanzou Vázquez Almuíña, o Sergas investirá entre un millón e un millón e medio de euros para ampliar o centro de saúde nuns 700 metros cadrados. A finais de 2019 Sanidade prevé ter listo o proxecto básico, co que “o inicio das obras posiblemente sexa en 2020”.

Esta ampliación permitirá aumentar o espazo da PAC –con novas consultas e unha maior área de descanso–, abrir novas consultas de enfermería e de pediatría, crear unha nova zona de consulta para a matrona e unha área de atención maternal, e dotar ao centro co servizo de ximnasio de fisioterapia, do que agora non dispón.

O conselleiro sinalou que esta ampliación levará “parella” a ampliación de recursos humanos. Así, recordou que, coa creación do novo servizo de fisioterapia, incorporaranse máis profesionais, e non se descarta a dotación de máis persoal, en función das “necesidades asistenciais e o número de atencións”.

Finalmente, Vázquez Almiña tamén precisou que, “en próximos días”, enviarase ao Concello do Porriño o convenio tipo de colaboración para a ampliación do centro de saúde, aínda que recoñeceu que a parcela sobre a que se vai a actuar xa foi “cedida hai un tempo”.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...