Radiografía dun colapso sanitario: “Os médicos marchan porque non podemos ofrecerlles contratos estables”

As urxencias está en folga e xefes de persoal de centros de atención primaria de todo Vigo veñen de presentar a súa dimisión. A calidade asistencial da sanidade pública, en perigo.

Bebé no hospital | Fonte: Unicap - Hilando Vidas

Os responsables dunha vintena de centros de saúde de todo Vigo presentaron este martes a súa dimisión, o cal foi definido polo alcalde da cidade como “unha crise sen precedentes” e súmase á folga das urxencias.

Para Ángel Cameselle (CC.00), “a folga dos PAC (servizos de urxencia) e a dimisión dos xefes de servizo de centros de saúde vigueses teñen en común o deteriorio da asistencia, a pouca cobertura das prazas e a incapacidade do Sergas de manter uns cadros de persoal axeitados, chegando a atender un médico a 60 pacientes nunha mañá”.

“O Sergas ten problemas que non son novos, nalgúns casos levan unha década, noutros tres.Hai un deterioro da sanidade pública, e non se crean plazas de especialistas como o de pediatra. Tampouco se está a tratar de forma adecuada aos profesionais, tendo médicos ben formados que non contratamos de forma estable, e encima en precario”, denuncia.

PACs en pé de guerra/ Miguel Núñez

“E non é por falta de xente preparada, é de prazas”, aclara: “Hai un recorte brutal. Con Touriño (durante o goberno do tripartito) acordamos un plan de mellora da Atención Primaria para incrementar o persoal da sanidade. Co PP cortouse iso, e nos últimos anos de cada dez xuilacións só se cubriu una”.

Por outra banda, “o Sergas invirte cada ano 150 millóns entre o novo hospital Álvaro Cunqueiro e o concerto con Povisa. A aposta é esa. A Concesionaria do Cunqueiro cobra por todo. Privatizouse en Vigo todo o que se puido, e sorte que algunha se parou a tempo. Hai una práctica deliberada de privatizar a sanidade”.

Os xefes do servizo, ao marcharse, falaban de dignidade e dun deterioro progresivo: “Pedimos una negociación para poñer en marcha o plan de mellora anulado e recuperar o emprego perdido”.

Cunqueiro
Panorámica do Hospital Álvaro Cunqueiro/Miguel Nuñez

Javier Martínez, de UGT, defende que é normal que os xefes de servizo estén cabreados: “Teñen que comerse os ‘marróns’. Son os primeiros que ten que facer a cobertura de substitucións, e non hai substitutos”.

“O persoal foi menguando, ao só repoñer 10 de cada 100 xubilados. A política é recortar persoal, así que diminúe o tempo de consultas e aumentan as listas de espera, que xeran unha tensión incrible nos cidadáns. E cada vez que falta alguén ten que atenderte outra persoa e anúlase a continuidade da atención, que é un principio básico na sanidade. Os usuarios saltan de médico a médico, o que xera aínda máis tensión”, relata.

“O xefe de servizo tamén ten a súa consulta, é un compañeiro máis que leva a cabo as mesmas funcións e por riba ten que dicirlle aos seus compañeiros o que impoñen desde arriba, lamenta Martínez, “cando a atención primaria é a máis importante de todas, os sistemas máis avanzados do mundo poténciana, porque serve para previr, e, ao final, aforras”.

Hospital POVISA/ Miguel Núñez

“O primeiro que fixo Feijóo no seu mandato foi suprimir todo isto, así temos agora ás urxencias en folga. Porque se tes saturada a atención primaria, o primeiro que fai a xente e ir a urxencias”, relaciona.

“De non existir problemas específicos, como a gripe, as urxencias non deberían de colapsarse, pero están saturadas permanentemente“, denuncia: “E se vas a urxencias porque non teñen sitio na primaria tamén se perde o seguemento dos pacientes. O sistema está mal, faltan recursos humanos”.

En canto ao Cunqueiro, Martínez considera que “ao final vai custar moito máis que se o fixéramos desde o público. Está máis que demostrado por multitude de estudos que este sistema non funciona ben e o gasto se multiplica”.

Sindicatos e xerente
Xerente e sindicatos no hospital Cunqueiro/ Miguel Núñez

“Estamos nunha situación precaria, os médicos marchan porque non podemos ofrecerlles  contratos estables, e non hai solución, porque falta vontade. O conflito non se produciu da noite á mañá”, lembra.

“Os políticos non están só para levar traxe, e cando presentan os datos parece que estamos mellor que outras comunidades, pero imos dos últimos. Se non fora polos traballadores, o sistema tería rebentado hai tempo, pero resisten facendo o traballo de varios, saíndo ás 4 en vez de ás 3, cargan as súas costas para que o sistema funcione”, selou.

Protestas das auxiliares de enfermaría
Persoal sanitario do Cunqueiro mobilízase en solidariedade coas auxiliares de enfermaría

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here