InicioPolíticaAbel Caballero, o alcalde 'trending topic' que colocou Vigo en todos os...

Abel Caballero, o alcalde ‘trending topic’ que colocou Vigo en todos os medios

O rexedor volve facer da cidade, e del mesmo, un dos temas máis comentados nas redes sociais. A montaxe das luces de Nadal en pleno verán e o xeito no que a anunciou, entre risas e retando as máis importantes cidades do mundo, sitúan de novo a Caballero no centro do debate público e a Vigo, en xornais, radios e televisións de toda España.

PUBLICADO O

Algúns din de Abel Caballero que é un populista ou un demagogo; outros, que é o Paco Vázquez que Vigo buscaba para si mesma; hai quen se atreve a dicir que é un grande humorista ou mesmo que é o mellor rexedor que tivo nunca a cidade, non só polo que fai, senón polo que di e como o di, e por poñer case un día si e outro tamén a Vigo en todos os medios de información de España.

Casualidade ou non, o certo é que nunca antes se falou tanto de Vigo nin se suscitou tanto interese pola cidade. De feito, Google, o maior buscador de información na Rede, proba que o interese por Vigo non deixou de medrar desde o ano 2011 —cando Caballero foi elixido por segunda vez alcalde de Vigo—, como se observa no seguinte gráfico, no que se mostra a tendencia en España de buscas da palabra “Vigo” en Google, desde o ano 2004.

Os números reflicten o interese de procura en relación co valor máximo dun gráfico nunha rexión e un período determinados. Un valor de 100 indica a popularidade máxima dun termo, mentres que 50 e 0 indican que un termo é a metade de popular en relación co valor máximo ou que non había suficientes datos do termo, respectivamente.

Obviamente, este crecemento das buscas está motivado por múltiples variables. Por exemplo, os éxitos do Celta de Vigo serían unha variable a ter en conta; o accidente no Marisquiño este verán ou os incendios que arrodearon a cidade en outubro de 2017 tamén son acontecementos que deben ser tomados en conta; pero case non cabe dúbida de que a proxección e protagonismo mediático do alcalde vigués tamén inflúe no auxe mediático de Vigo.

As políticas, pero sobre todo o ego e as palabras de Caballero, e as súas constantes chanzas e brincadeiras, non pasan indiferentes. El é “o máis”, o alcalde “top“, o home que se atreve a desafiar o Real Madrid ou os alcaldes de Tokio, Nova York, París, Berlín ou Londres e a proxectar en Vigo ese xigantesco ego que loce e reloce, como as luces de Nadal da cidade, esas que xa se están empezando a montar cando aínda non despedimos o verán e que serán, como todo o que fai Caballero, “as mellores do planeta” (en palabras apaixoadas do alcalde).

As brincadeiras de Caballero son un éxito comercial para Vigo. O ilustre Oscar Wilde dixo: “Hai soamente unha cousa no mundo peor que falen de ti, e é que non falen de ti”. E detrás diso está o dito “que falen de min, aínda que sexa mal”. E iso é o que fai Caballero, que se fale del —e, polo tanto, de Vigo— todos os días nos medios de información e nas redes sociais.

Programa Late Motiv
Buenafuente fala de Vigo e do seu alcalde Abel Caballero, no programa ‘Programa Late Motiv’.

Ocorrencias como iniciar a montaxe das luces de Nadal en pleno verán e desafiar ante as cámaras e os micrófonos as máis poderosas cidades do mundo, retándoas a un duelo de luces desde un pequeno recuncho do mundo, só o pode facer un alcalde que ou ben é un populista —segundo algúns— ou é un humorista con dotes políticas ou un político con vocación de humorista (as súas propias risas ante as cámaras delátano).

Estas ocorrencias, chanzas e brincadeiras de Caballero anoxan a moitos, principalmente aos seus opositores políticos, afogados polo protagonismo mediático do alcalde socialista (cantos vigueses coñecen os nomes, caras e traxectorias dos candidatos a alcaldables do PP, Marea e BNG?); outros moitos pensan que este é o mellor alcalde que tivo a cidade (dos que coñeceron e padeceron); e a outros tantos alégralles a vida cada día, polas risas que xenera (a risoterapia está de moda).

As brincadeiras de Caballero xeran máis bromas, chistes, chanzas… É toda unha factoría da risa. Caballero é un promotor da risa colectiva (como a intelixencia colectiva, pero levada ao humor). E que ten de malo a risa? Nada. A risa é terapéutica. A cuestión é: rinse del ou con el?

Nas redes sociais Caballero é tendencia, trending topicinfluencer ou como queiran chamalo os posrmodernos. Estes días, o alcalde top do planeta está en boca —ou no teclado e na pantalla— de (case) todos (xa saben, que falen dun, aínda que sexa…).

Esta só é unha pequena mostra do que xenera estes días o pai de Dinoseto pola súa lucidez:

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...