A lápida do abade de Oia volve á igrexa parroquial 700 anos despois

Esta estrutura foi atopada en 2013 de xeito fortuíto por Lorena González, veciña do Arrabal

A lápida dun abade do Mosteiro de Santa María de Oia que permanecía nun pequeno alpendre do barrio do Arrabal, reempregada como lintel, xa descansa na igrexa do conxunto monacal. A estrutura foi trasladada este martes nun proceso que contou con supervisión arqueolóxica a fin de garantir a integridade e conservación do ben.

Esta lauda sepulcral, a única ata o de agora coñecida dun abade do cenobio cisterciense de Oia, formaba parte dunha pequena construción do barrio histórico do Arrabal, a poucos metros do convento cisterciense. Xa naquel emprazamento podíase distinguir un gravado coa forma de báculo abacial e máis unha inscrición que remitía ao século XIII.

A precaria situación estrutural na que se atopaba o alpendre, susceptible de acabar danando a lápida, facía necesario buscar unha nova localización que garantise a conservación do ben patrimonial. Ao mesmo tempo, houbo que adoptar unha solución técnica para o traslado do elemento patrimonial en condicións de seguridade.

 Unha vez realizadas as correspondentes xestións coa propiedade do inmoble e obtido o visto bo de Patrimonio da Xunta de Galicia, varios operarios procederon a primeira hora desta mañá ao traslado da estrutura desde a súa localización ata a igrexa parroquial de Santa María de Oia. Os traballos foron supervisados pola arqueóloga Elisa Pereira e desenvolvéronse sen ningún tipo de incidente.

Doazón ao Concello

O Concello de Oia recibiu a lápida como doazón das propietarias do alpendre, Joaquina Mariño e Carmen Blanco, e a partires de aí encargouse de solicitar os permisos e tamén se fixo cargo do traslado.

A partires de agora, a lápida permanecerá na igrexa parroquial, que forma parte do conxunto monacal declarado BIC no ano 1931. Cóntase coa colaboración do párroco, Daniel Goberna, para a adecuación do entorno no que a lauda quedará exposta.

A lápida de Oia pertencía un abade falecido no século XIII

Esta estrutura foi atopada en 2013 de xeito fortuíto por Lorena González, veciña do Arrabal, sendo o historiador Fernando Javier Costas Goberna quen a identificou como lápida. A raíz do achado e das actuacións promovidas pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Oia (ACAMO), saíron á luz as primeiras hipóteses sobre a datación deste ben patrimonial e a identificación do abade ao que pertencía.

Concretamente, e segundo a interpretación que fai a historiadora Ana Paula Leite Rodrigues, esta lauda correspondería ao frade Lourenzo, décimo terceiro abade do Mosteiro de Oia. En canto á cronoloxía, a data do falecemento que figura na epigrafía sería o 11 de xullo de 1277.

Descoñécese o momento no que a lápida abacial pasou a formar parte do alpendre no que foi achada, se ben os estudos históricos feitos ata o de agora apuntan á posibilidade de que o reemprego da lousa fose produto dos longos procesos de desamortización de bens das ordes relixiosas que se desenvolveron nos séculos XVIII e XIX.

A nova localización da lauda sepulcral permitirá unha mellor visualización dos gravados e inscricións e, polo tanto, un estudo máis polo miúdo deste importante elemento patrimonial fortemente vinculado á historia de Oia.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here