InicioSociedadeCostas Goberna: "O verdadeiro Guernica é o que está escrito nos muros...

Costas Goberna: “O verdadeiro Guernica é o que está escrito nos muros do campo de concentración de Oia”

O campo de concentración de Santa María de Oia chegou a albergar 4.500 prisioneiros.

PUBLICADO O

O Concello de Oia vén de editar o libro ‘Con otra mirada. El horror de la Guerra Civil Española en el Monasterio de Oia. 1936-1939’, que é froito dunha investigación sobre o período no que o cenobio oiense funcionou como campo de concentración onde permaneceron recluídos varios milleiros de presos republicanos.

O libro, coordinado por Fernando Javier Costas Goberna, contou tamén coas achegas de Lucía Álvarez Caeiro na gravación e transcrición de entrevistas e de Lorena González Vicente na elaboración de fotografías e análise do material fotográfico. Desde Xornal de Vigo entrevistamos a Costas Goberna, que afonda nos temas que protagonizan a súa nova obra.

O equipo recompilou documentación histórica, realizou unha reportaxe fotográfica nas estancias do Mosteiro onde quedan vestixios da época e tamén reuniu testemuñas de presos e familiares, así como de veciños de Oia que viviron eses tempos.

Como resultado da grande cantidade de material reunido e analizado, a obra presenta o contexto histórico da época e reconstrúe como era o día a día das persoas que viviron no campo de concentración do Mosteiro de Santa María de Oia, que permaneceu operativo ata polo menos finais de 1939 (quizais ata principios de 1940).

Hoxe en día, “esta realidade histórica permanece descoñecida para a meirande parte do público galego, incluso a contorna máis próxima, tamén en Vigo moitos quedan sorprendidos ao descubrila. As ditaduras tratan de ocultar aquilo que non lles interesa. Botan terra arriba e agardan que todo vaia quedando no esquecemento”, lamenta Goberna.

Mosteiro de Santa María de Oia/ Contando estrelas

Durante a súa investigación, analizaron como no campo había catro grupos de prisioneiros: “Dos calificados como A e B, moitos foran reclutados como parte da ‘quinta do biberón’, loitaran na guerra con 17 ou 18 anos e se lograban un aval podían conseguir a liberación. Os prisioneiros C e D eran xa directamente considerados inmigos do país, e se lles responsabilizaba polos ‘pecados da República’. Podían ser executados, como temos constancia das execucións que houbo no campo de prisioneiros de Camposancos, na Guarda”, lamenta.

Por último, “os que ao rematar a guerra non foran liberados nin asasinados e tampouco morreran foron empregados como traballadores forzosos, e comezaron a construír o aeroporto de Vigo, o da Coruña, e moitas outras obras”, revela o historiador.

Goberna constatou coa súa investigación a mala hixiene e “escasísima alimentación” no campo de Oia. Recompilaron certificados de defunción de moitos mortos, e saben que foron máis, “cousas que o tempo e o réxime foron tapando e unha mentira repetida mil veces se convirte en realidade”.

Sobre o desafío da obxectividade, sobre todo cando falas de temas como o que nos ocupa, Goberna valora que “é moi difícil como redactor desta historia manterse sempre nunha certa obxectividade, e deixar a creación de opinión como tarea para o que le. Porque estamos falando de traxedias reais, de persoas e emocións. É difícil manterse neutral, algo necesario para un historiador. Difícil pero obligado. É o traballo máis complicado que fixen nunca”.

Monasterio de Oia/ José Antonio Gil Martínez

Goberna ten publicado en numerosas ocasións sobre temas de prehistoria e historia medieval, onde “a perspectiva do tempo é distinta”, recoñece. Toda esta investigación comezara como un estudo dos escritos e debuxos de todo tipo elaborados polos presos nos muros, para lograr a súa conservación por Patrimonio, pero ao atoparse coas duras e tristes mensaxes destas persoas, entendeu que había que contalo todo. Emocionábase o historiador ao ler, por exemplo, sobre as persoas anarquistas que chegaban ao campo e xa sabían de antemán que nunca sairían de alí.

Así foi como o autor comezou a sentirse en contacto con todas estas persoas reais: “Picasso pintou un Guernica, pero éste é o verdadeiro, o que pintaron, moitos incluso con calidade artística, os prisioneiros deste campo de concentración. É imposible non emocionarse”.

Foi un traballo “duro a nivel emocional, porque sen meterte a fondo non podes rematar a investigación. Tiven a sorte de coñecer a un sobrevivinte do campo, que contou como tremían cando lían ‘a lista’: sabían que eses homes e mulleres non volverían nunca.  E temos documentado ata xente que se tiraba ao mar, desesperada por fuxir; ou escritos nas paredes que suplicaban a Franco, ‘Franco te suplico, por la Virgen María, libérame”.

Autores da obra/ Concello de Oia

“Hai persoas que estiveron só 3 meses encerrados e quedoulles o impacto para toda a vida, regresando ao mosteiro unha e outra vez co tempo. Alí foran maltratados polos guardas diariamente, e obrigados a ir a buscar leña para cociñar o seu case único prato: castañas. De feito, nas paredes das celdas quedou constancia do cansazo dos prisioneiros coas castañas. Blasfemaban contra o seu consumo, totalmente fartos”, recorda o autor.

Cabe destacar que, desde a súa declaración como monumento de interese nacional en 1931, a única utilidade pública do cenobio foi como campo de prisioneiros. A investigación revela as duras condicións de vida no campo emprazado no cenobio, onde se viviron situacións de importante aglomeración de persoas, especialmente cara ao final.

Concretamente, o libro detalla que en febreiro de 1939 chegaron a xuntarse máis de 4.500 prisioneiros nun lugar con capacidade estimada para 250 persoas. Moitas delas chegaban desde Cataluña, se ben houbo reclusos procedentes doutros lugares. Aínda que é ben coñecido que houbo campos de concentración durante o franquismo, non tanto que chegaron a esta masificación máis asociada aos campos nazis.

Así, Fernando Javier comenta que “é un tema bastante descoñecido. Hai que pensar que Galicia queda moi cedo na retagarda da fronte de guerra, e cando as tropas combaten en Asturias e Cantabria se produce a chegada en masa de prisioneiros. En Galicia, segundo os historiadores e a bibligrafía da época, houbo 15 campos de concentración documentados durante a guerra, empregando mosteiros, pavillóns…Segundo avanzaban as tropas, aumentaba o número de prisioneiros”.

O Mosteiro de Santa María de Oia, neses tempos, “xa non era propiedade da igrexa, polos efectos da desamortización de Mendizábal, sendo abandonada polos xesuítas e chegando a un certo vacío legal polo que pasa por moitas mans”, matiza o historiador.

Campo de concentración de Auschwitz, en Polonia/ Enrique Martínez

A obra tamén afonda noutros aspectos, como os falecementos de presos no campo así como os posibles lugares de enterramento.

O traballo desenvolvido incluíu a toma de 700 fotografías en tres espazos do mosteiro en cuxas paredes se conservan debuxos e textos realizados por prisioneiros e algún carcereiro ao longo do ano 1939.

As instantáneas foron analizadas xunto con outras 103 procedentes do arquivo da empresa propietaria do cenobio, Residencial Monasterio de Oia. A análise do material gráfico permitiu detectar unha grande variedade de motivos entre os debuxos das paredes: escenas bélicas, proclamas, lamentos, súplicas de liberdade, o duro día a día en condicións de hixiene deficitaria e escaseza de alimento, a nostalxia do fogar, da familia e do mundo exterior, calendarios para contabilizar o tempo de privación de liberdade… Algúns dos debuxos presentan unha notable calidade artística.

Campo de concentración de Auschwitz, en Polonia/ Enrique Martínez

Outro dos aspectos nos que se centra o libro é a relación entre os presos e a propia veciñanza, una cuestión sobre a que se obtiveron datos a través de entrevistas realizadas a prisioneiros e descendentes e aos veciños e veciñas de Oia que lembran estes tempos. Dentro desta temática destacan varias historias humanas onde os veciños se solidarizaron coa complicada situación das persoas encarceradas.

Así, veciños de Oia lle contaron ao historiador como “en tempos do campo de concentración, unha muller de grandes peitos levaba escondido neles chocolate para os burgueses encerrados na cárcere, eles intercambiábano por todo o diñeiro que fixera falta”.

Grazas á análise do material fotográfico recompilado en diferentes anos, o traballo de investigación logrou detectar con “alarmante claridade” o proceso de degradación que veñen experimentando os grafitos co paso do tempo, un deterioro producido polo desprendemento do estuco que recobre as paredes.

A presentación do libro celebrarase o próximo 27 de marzo na Casa Cultural de Santa María de Oia ás 19.00 horas. O acto será presentado polo vicedecano da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo.

A todos os prisioneiros, “debémoslles como mínimo o recordo”, defende Fernando Javier: “Porque non pode ser que tanta xente morrera aquí e nin a súa familia saiba nada, e que nin poideran poñer flores na súa tumba. É terrorífico”.

Sen esquecer nunca o recordo, o historiador lembra non caer no rexeitamento. El, que sempre tivo na súa familia persoas de ambos bandos, lembra a necesidade de evitar a confrontación e construír un futuro mellor que o pasado que coñecemos grazas a obras como esta.

ÚLTIMAS

Por que foi anulado o plan de urbanización do Barrio do Cura?

O xulgado do contencioso administrativo 1 de Vigo ditou sentenza pola que declara nulo...

Os 15 pediatras que obtiveron praza por concurso de méritos na área de Vigo teñen ata o 18 de abril para incorporarse

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou recentemente dúas resolucións que adxudicaron a 70...

Un milleiro de bailaríns, inscritos xa na XII edición de Vigo Porté, que traerá danza e música ás rúas da cidade a finais de...

Un milleiro de bailaríns inscribíronse xa na XII edición de Vigo Portei, desde que...

Constitúese a plataforma “Vigo verde -Salvemos a Barrorca” para rexeitar a talla da Carballeira de Casaliños en Navia

"Este mesmo domingo 17 de marzo, a plataforma "Vigo verde -Salvemos a Barrorca" organiza...