InicioEconomíaO Consorcio Aeronáutico Galego anima ás empresas a diversificar as súas actividades

O Consorcio Aeronáutico Galego anima ás empresas a diversificar as súas actividades

PUBLICADO O

O Consorcio Aeronáutico Galego (CAG) animou este xoves ás empresas galegas a diversificaren a súa actividade para consolidarse na industria aeronáutica e aeroespacial, e crear “unha cadea de subministracións máis forte”, para atraer ás grandes construtoras do sector.

Así o manifestou o presidente do Consorcio, Enrique Mallón, en declaracións aos medios con motivo da celebración do II Congreso Internacional Aeronáutico e Espacial de Galicia. Segundo augurou, o sector aeronáutico, xunto coa eólica mariña, van ser as industrias que dean “máis satisfaccións” a nivel empresarial en Galicia nos próximos anos.

Nesa liña, subliñou que a consolidación dunha cadea de subministracións será “a clave do éxito”, e apostou por nichos de mercado con gran proxección, como as aeronaves non tripuladas (UAV), os asentos, ou os materiais compostos, ademais de manter a aposta xa existente por outros produtos como as aeroestructuras ou os sistemas de comunicación.

Enrique Mallón lembrou que, no últimos tres anos, administración e empresas realizaron investimentos superiores aos 100 millóns de euros nesta industria, e lembrou que é unha actividade que “crece ano tras ano”. Así, máis de 40 empresas forman xa parte do CAG, xeran 1.200 empregos directos, e unha facturación de máis de 127 millóns de euros.

ECOSISTEMA INDUSTRIAL

Por iso, incidiu na importancia de manter o foco empresarial neste sector, e lembrou que, en Galicia, hai catro empresas provedoras de primeiro nivel, e máis de 30 firmas provedoras de segundo e terceiro nivel. Estas empresas, sinalou, traballan nos trens de cola, fuselaxe, sistemas de comunicación, determinadas pezas de asentos, etc.

“Estamos a conseguir aos poucos crear un ecosistema industrial aeronáutico e aeroespacial”, afirmou, e apuntou que deben ser os TIER1, como Delta, Coasa, Udega ou Utingal, os que “tiren do carro” para axudar a crear esa cadea de subministración forte.

O presidente do CAG referiuse tamén ao impulso do polo de Rozas, en Lugo, en iniciativas de aeronaves non tripuladas, e confirmou que máis dunha ducia de empresas do sector metalúrxico traballan nos proxectos que se desenvolven neste polo tecnolóxico.

O RETO DA AUTONOMÍA

Entre os relatores deste Congreso, estivo Eduardo Carrillo de Albornoz, Strategy & BD Director de Boeing, quen fixo mención ao proxecto desta multinacional (que opta na fase B de Civil UAVs Initiative de Rozas) para desenvolver sistemas que permitan as operacións seguras en naves non tripuladas.

Carrillo incidiu en que “o reto da autonomía é o próximo que está por vir” e Boeing considérao “estratéxico”, polo que vai pór “moito esforzo e moito agarimo” para estar nesa fase B do Civil UAVs Initiative. “A aposta de Boeing é real, temos moito interese en estar nos sistemas autónomos, e esta é unha oportunidade única en Europa”, proclamou.

DIMENSIÓN ADECUADA PARA CREAR “MASA CRÍTICA”

Finalmente, tamén compareceu ante os medios o presidente de Delta, Francisco Puga, que está á fronte dun grupo empresarial que fornece “practicamente a todos” os grandes construtores aeronáuticos.

Puga incidiu na importancia de que o sector aeronáutico e espacial de Galicia conforme unha “masa crítica” para fortalecer a súa posición nesta industria e atraer a atención das grandes compañías. Para iso, apuntou, as empresas galegas “teñen que ter unha dimensión un pouco maior” e poder así competir nun “mercado global”.

Delta está a piques de finalizar as obras das súas novas instalacións en Porto do Molle, en Nigrán. Segundo indicou o seu presidente, xa hai case medio centenar de persoas contratadas (a previsión do Plan Estratéxico eran 52) e estase traballando desde hai dous meses na fabricación de compoñentes metálicos (titanio, aluminio, etc.) para aeronaves. “Esperamos, nos próximos dous anos, ter unha carga de traballo importante”, aseverou.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...