Falece un home tras ser rescatado da auga nunha praia de Baiona

Aconteceu na praia da Ladeira.

Concello de Baiona / Turismo.gal

Un home faleceu tras ser rescatado da auga na praia de Ladeira, na localidade pontevedresa de Baiona.

Os feitos tiveron lugar sobre as 19,00 horas deste luns, cando o 112 Galicia recibiu a chamada dunha persoa particular que alertou de que un home acababa de ser rescatado do mar e necesitaba asistencia médica.

Deste xeito, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) puxeron a situación en coñecemento do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil e da Policía Local. Ademais, pasaron aviso do incidente a Salvamento Marítimo e ao persoal de Gardacostas de Galicia.

Uns minutos despois, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que se desprazaron ao lugar xunto a unha patrulla da Policía Local notificaron ao 112 o falecemento do home.