O Porto de Vigo convoca un concurso público para converter o faro de Cabo Silleiro en hotel

Valorarán "positivamente" que o proxecto presente unha actuación que englobe os dous faros da zona.

Faro de Cabo Silleiro, en Baiona (Pontevedra).. PORTO DE VIGO

O Porto de Vigo anunciou a convocatoria dun concurso público para converter o faro de Cabo Silleiro  en hotel, ante o “interese suscitado nos últimos meses entre varias empresas”. Segundo informou a propia Autoridade Portuaria, “nas próximas semanas” sacarase a concurso a concesión para que se presenten as firmas que estean interesadas nese uso, e avanzou que “se valorará positivamente” aquel proxecto que presente unha actuación que englobe os dous faros da zona, o antigo e o novo.

O Porto explicou que a empresa Landscope e o empresario M.J.C. foron “os primeiros interesados” nesa concesión para explotar as instalacións con finalidade hoteleira e de restauración, pero coa convocatoria do concurso público, o organismo espera que se presenten máis firmas, e con proxectos que inclúan as dúas instalacións.

Esta iniciativa pretende pór en valor o conxunto histórico dos faros de Cabo Silleiro e enmárcase na estratexia de Crecemento Azul do Porto.  O faro máis novo de Cabo Silleiro está a 85 metros sobre o nivel do mar e foi construído en 1924, para substituír ao antigo faro, que data de 1862. Do antigo faro aínda se conserva a fachada de granito en primeira liña de costa e está a uns 800 metros do faro actual.