Un veciño de Baiona recada case 40.000 euros nun día para aquirir unha prótese

Álvaro Santalla Vázquez é a persoa que organiza esta recadación de fondos tras sufrir un accidente de moto o pasado 5 de xuño no que perdeu unha perna.

Álvaro Santalla Vázquez pide nunha campaña de crowfounding cartos para unha prótese / gofoundme

Un veciño de Baiona, Álvaro Santalla Vázquez, de 21 anos, conseguiu case 40.000 euros nun día a través dunha petición que fixo a traves da rede gofoundme.com. Pide que o axuden para conseguir unha prótese para unha das súas pernas, amputada tras un grave accidente de moto hai un mes.

Con esta campaña, Álvaro pretende poder conseguir unha prótese que poida darlle “a calidade de vida que necesita” e poder seguir facendo a súa vida “como era antes do pasado 5 de xuño”. “Algo que moitas persoas quizá non saiban, é que a prótese non dura para toda a vida. Como calquera máquina, cos anos acaba fallando e hai que seguir custeando diferentes próteses durante toda a vida da persoa”, destaca.

Por este motivo, esta campaña non ten un obxectivo económico específico, e destaca que, toda doazón axudará a que poida custear estes gastos tanto da súa primeira prótese como nas futuras durante toda a súa vida.

ACCIDENTE

Álvaro lembra que a mañá do pasado 5 de xuño de 2021 sufriu un accidente de moto no que, tras saír da estrada, impactou contra unha árbore. O golpe provocou fracturas en fémur, xeonllo, tibia e nocello da súa perna esquerda e a sección de varias das arterias.

“Isto provocoume un sangrado que case me fai que perda a vida naquel lugar. Por sorte, cheguei ao hospital, onde tras máis de 12 horas de intervención, conseguiron estabilizarme. O seguintes cinco días paseinos en coma inducido, entrando tres veces máis a quirófano para tentar salvar a miña perna e a miña vida”, apunta.

Finalmente, catro días despois do accidente, o seu corpo “non aguantaba máis a gravidade das lesións” e os médicos tiveron que tomar a decisión de amputarlle a perna esquerda por encima do xeonllo para poder salvarlle a vida. “Agora, un mes despois, estou en casa, recuperándome aos poucos e desexando volver á miña vida ao 100%”, indica.

“Quero agradecer de antemán a todas as persoas que poidan doar unha pequena cantidade ou que compartan a miña historia para poder chegar a máis xente. Grazas a vós poderei volver camiñar e facer as cousas que tanto me gustaban”, conclúe.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here