O SERGAS comezou hoxe venres a enviar SMS para un cribado poboacional en Baiona, cunha incidencia alta menor de 250 por cada 100.000 habitantes e 19 casos detectados nos últimos sete días.
A data da convocatoria que están a recibir as 4500 persoas seleccionadas é para o próximo domingo, 28 de marzo cun horario que vai dende as 8 h ata as 22h.
Neste caso o lugar para facer a PCR será no propio municipio, no Pavillón Municipal de Baiona, onde o concello tamén pon a disposición o seu aparcadoiro municipal cunha hora de balde.
Moitas das persoas notificadas dubidan da efectividade do proceso selectivo, xa que moitas delas están situacións non compatibles con posibles casos positivos asintomáticos. Persoas en illamento sen contacto fóra do núcleo familiar ou mesmo persoas que están agora mesmo enfermas por outras doencias e que non teñen pensado acudir.
Dúbidas sobre estos procesos de cribado
Expertos en Medicina Preventiva e Epidemioloxía advertiron o pasado mes de febreiro que a eficacia dos cribados poboacionais pode estar en risco “se non se afina o suficiente” e búscanse casos asintomáticos en grupos moi concretos nos que se detectou unha alta incidencia de covid-19.
O Sergas está a levar a cabo unha estratexia extensiva de cribados, tanto en pequenos municipios con alta incidencia de COVID como así fixo nas grandes cidades, caso da Coruña, Vigo ou Santiago.
Na cidade olívica o último cribado onde se convocou a 27.000 vigueses (ademais doutras 5.400 persoas doutros municipios da área sanitaria de Vigo) a taxa de positivos foi do 0,13 % (11 casos). No caso de A Coruña a cifra de positivos arroxada foi de 14 casos para un cribado de 140.000 persoas.
Estas cifras resultan rechamantes se temos en conta que A Coruña e Vigo son as cidades máis poboadas de Galicia e, xunto con Santiago, son as áreas sanitarias con maior número de casos de covid.
A clave, os cribados “ben dirixidos”
Os expertos consultados por Europa Press sinalaron o pasado mes de febreiro que “os cribados funcionan ben se están ben dirixidos” e “é moi importante elixir ben a poboación” para “centrar o foco” e “non disparar ao aire”. A ese respecto, o preventivista e profesor Juan Gestal puxo como exemplo un cribado “nun barrio concreto, nun grupo de idade concreto” onde se detectou unha alta incidencia de covid, porque “canto máis se concrete, máis eficaz será o sistema”. Para iso, precisou, hai que “atender ao que digan os expertos e estudos epidemiolóxicos”.
Por outra banda, Gestal sinalou que, na actual situación, cunha transmisión do virus “descontrolada” e coa circulación de novas variantes, están a darse máis casos de enfermos ” sintomáticos”, que derivan en maior presión nos hospitais e centros de saúde e pode facer “menos eficiente” a procura de asintomáticos (obxectivo fundamental dos cribados). Os cribados “demasiado xenéricos”, que buscan pacientes en franxas moi amplas de idade, sen outro criterio máis que a súa adscrición a un centro de saúde, poden supoñer “malgastar os recursos”.
“A cuestión é acertar no colectivo, os test de antíxenos son utilísimos cando hai incidencias moi altas en zonas e colectivos moi concretos”, abundou Juan Gestal. O portavoz da Sociedade Española de Medicina Preventiva, Saúde Pública e Hixiene, Alejandro Conde, sinalou tamén que “os cribados son máis eficaces cando se fan onde hai máis prevalencia da enfermidade” e para iso, han de terse en conta os diagnósticos xa existentes. “Hai que ter en conta que o COVID non é unha enfermidade de moi alta prevalencia, por exemplo a hipertensión, por iso hai que afinar máis a procura de casos”, engadiu, aínda que sinalou que as probas voluntarias están a facerse “en lugares onde se detectou máis incidencia”.
En calquera caso, hai que ter en conta outros factores, que poden restar eficacia aos cribados, como o feito de que a información que manexa Saúde Pública sobre a poboación é “limitada”. Por exemplo, indicou Conde, as autoridades non poden comprobar se as persoas adscritas a un centro de saúde e cun domicilio asociado á súa tarxeta sanitaria viven realmente nese municipio. A outra cara da moeda dos cribados é a taxa de positividade e é que, segundo apuntaron algúns expertos, unha da consecuencias de realizar probas PCR de forma masiva é que, aínda que a detección de positivos sexa case testemuñal, redúcese a taxa de positividade.
Baixa participación
Juan Gestal subliñou que, á marxe da formulación do modelo de cribado, “hai que concienciar” aos cidadáns para que, unha vez citados, participen nesas probas, e máis tendo en conta de que os niveis de participación nos cribados en Galicia son, salvo excepcións, inferiores ao 70 % das persoas convocadas.
Con respecto a esa baixa participación, Gestal indicou que “os cidadáns están moi cansados de como se está xestionando a pandemia” e algúns dos que foron citados, precisamente por presentar síntomas e crer que son casos positivos, eluden facerse as probas porque “non queren que os aislen, ou temen deixar de ir traballar e perder o emprego”. “En todo caso, serán minoría, a maior parte da xente que non vai é por deixamento e sobre todo hartazgo”, lamentou.
Na mesma liña, o xefe do Servizo de Alertas Epidemiolóxicas de Pontevedra e especialista en Medicina Preventiva, Miguel Álvarez Deza, afirmou que “é conveniente que a poboación seleccionada acuda a facerse as probas”. Así, indicou que, tendo en conta a circulación da variante británica do coronavirus, que é “moito máis contaxiosa”, é “importante detectar a persoas infectadas asintomáticas que poderían ser supercontagiadores”.
Alejandro Conde, pola súa banda, lembrou que, á marxe do interese particular de cada un por saber se está ou non contaxiado de coronavirus, as persoas citadas deben actuar “responsablemente” e saber que, canta máis participación haxa nos cribados, “máis fácil será para as autoridades sanitarias facerse unha composición da situación en cada lugar”.