Da xente que ven ás segundas residencias: “preocupa que non respecten as medidas de confinamento”

Desde que empezou a cuarentena, moitas comunidades de veciños denunciaron a masificación espontánea nas zonas de praias. Tratábase da xente que habitualmente reside no interior do Estado español e viñeron a Galicia ás súas segundas residencias a pasar o confinamento.

As comunidades de veciños máis afectadas, atópanse nas zonas costeiras de concellos como Nigrán, Baiona, etc. “Non nos preocupa que veñan. Preocupa que veñan e den por feito que aquí non pasa nada e non tomen as medidas de confinamento“, declara un veciño de Baiona. “A xente empeza a ter reparo en ir aos supermercados porque saben que hai xente de fóra”.

Ademais, a xente da zona tamén lles preocupa o tema das prazas dos hospitais, xa que eles teñen que acudir aos da cidade de Vigo. “Se os foráneos enferman, van a precisar tamén asistencia nos hospitais. Preocupa que non haxa suficiente recursos para os que xa temos o hospital de referencia en Vigo como para ter que dar servizo aos desprazados”, comunica este veciño, e censura que, “non están como para soportar a afluencia de tanta xente se enfermasen ou se xa chegasen enfermos. É unha irresponsabilidade”.

Estes veciños, danse conta da chegada da xente de fóra porque son zonas nas que se multiplica a poboación exclusivamente no verán e estes días “vemos luces encendidas nos edificios que normalmente están apagadas”. Os propietarios destas residencias, adoitan ser xente de clase alta con recursos, “e, pola miña casa non paro de ver coches na estrada, polo que custa creer que estamos confinados uns e outros saian constantemente e non precisamente a traballar”, relata este veciño.

A situación agravouse desde o pasado venres 26 de marzo. De feito, houbo quen chamou á Garda Civil, aínda que non poden facer nada. “Sorprende que non haxa multas para quen se salta as medidas establecidas o 12 de marzo”. O que lles piden, “é respectar as medidas de confinamento coma nós“, manifesta outra veciña.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here