Feijóo acusa ao goberno central de castigar a Ence e tomar decisións “frívolas” coa industria galega

Lamenta que ao Goberno non lle importe "destruír" empresas que dan 10.000 empregos.

Cruz Roja Raiña
Feijoo despois de despedir a Raiña/ Miguel Nuñez

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reclamou este venres ao Goberno central “sensibilidade, respecto e non frivolizar” coas súas decisións, que “castigan” a empresas galegas como Alcoa ou Ence, porque “é moi difícil construír unha industria e é moi fácil destruíla”.

Así o manifestou durante a súa intervención nunha visita á empresa Marine Instruments, no polígono industrial de Porto do Molle (Nigrán), e na que volveu a reiterar a “preocupación” da Xunta por un sector industrial que “está a ser castigado” polas decisións do Goberno central.

A ese respecto, referiuse ao castigo que, ao seu xuízo, o Goberno impón a empresas electrointensivas como Alcoa, polo prezo da enerxía; ou ao castigo á primeira potencia forestal de España por decisións que a Xunta “non comparte”, en alusión á posición do Executivo sobre a prórroga da concesión a Ence. Os gobernos están para resolver problemas, non para crealos”, proclamou Feijóo.

Por iso, pediu “sensibilidade, respecto e non frivolizar” con esas decisións porque “é moi difícil construír unha industria, e moi fácil destruíla”. “Os problemas industriais con Alcoa, Ence ou Meirama preocúpannos porque a capacidade industrial de Galicia está a crecer con novas empresas, pero parece que non importa destruír empresas tradicionais, que levan moito tempo traballando e que dan 10.000 empregos”, aseverou.

“Espero que non xoguemos coa industria, porque é o futuro dunha sociedade”, proclamou o presidente galego, que lembrou que esas fábricas elaboran produtos e transforman materia prima en Galicia, onde están preto doutros centros de traballo e empresas.

O titular da Xunta fixo estas consideracións durante o seu discurso con motivo dunha visita á planta de Marine Instruments, unha empresa dedicada ao deseño e fabricación de compoñentes e sistemas electrónicos para buques pesqueiros, ademais de trasladar a súa experiencia e coñecementos a outros sectores –colabora con Indra no polo aeroespacial de Rozas–.