InicioSucesosUnha "manobra inadecuada" provocou o accidente no que morreu un tripulante do...

Unha “manobra inadecuada” provocou o accidente no que morreu un tripulante do Novo Alborada

O sinistro aconteceu o 24 de xuño de 2018 no porto irlandés de Castletownbere.

PUBLICADO O

A Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim) acaba de publicar o informe relativo ao ocorrido co arrastreiro Novo Alborada, que ten base en Vigo, o 24 de xuño de 2018 no porto irlandés de Castletownbere, un sinistro no que faleceu un tripulante por un golpe. Conclúe que no traslado das portas de arrastre se realizou unha “manobra inadecuada” que causou o ocorrido.

Ademais, apunta que a falta de supervisión dos oficiais e contramaestre “contribuíu” a que se producise o accidente no cal morreu un mariñeiro de 51 anos, quen levaba un tres meses traballando nese barco, aínda que tiña ampla experiencia en buques similares.

Nas conclusións, a Ciaim sinala que, ao redor das 8,40 horas, a tripulación estaba a realizar a manobra de traslado das portas de arrastre desde a súa posición de estiba en popa á cuberta para a súa revisión. Durante as manobras, un dos mariñeiros resultou ferido de gravidade ao ser golpeado por un dos elementos móbiles que formaban parte do sistema de estiba da porta de estribor. O home faleceu tres días despois tras ser ingresado no hospital.

A causa do accidente foi o impacto sobre o mariñeiro dalgúns dos elementos móbiles dispostos no espardel para a estiba e fixación da porta, cando esta caeu bruscamente ao tratar de trasladala mediante unha manobra inadecuada, tanto pola utilización dun lanteón con forte crebo e rozamento sobre o espardel como pola utilización dun molinete sen capacidade de retención da porta izada”, sostén o informe.

Ademais, aclara que o accidente non pode atribuírse a fallos na execución dos mariñeiros encargados de desenganchar as cadeas das portas. “Tampouco pode atribuírse a fallos do mariñeiro ao mando do molinete”, agrega.

E é que a porta caeu repentinamente e os elementos de suxeición da mesma “fixeron un movemento de látigo” de forma tal que golpearon ao mariñeiro en peito e brazos, quen quedou tendido en cuberta. A porta caeu ao fondo do porto, de onde houbo que recuperala posteriormente.

As portas de arrastre pesan da orde dunha tonelada cada unha. Van estibadas no extremo de popa, a ambos os costados da rampla por fóra do casco e fanse firmes á estrutura do buque mediante varias cadeas e cabos.

Nas recomendacións de seguridade, a Ciaim empraza o patrón a que a manobra de traslado das portas de arrastre “se execute sempre seguindo os procedementos usuais e contrastados”. “E concretamente, que non se utilice o molinete de cuberta nin ningunha maquinaria que non dispoña de capacidade de freo ou de manter unha posición fixa, nin control total sobre a tracción e posicionamento da porta suspendida”.

Tamén se pide que se inclúa no plan de prevención de riscos laborais a prohibición de utilizar o molinete de cuberta ou calquera maquinaria que non dispoña de capacidade de freo ou de manter control total sobre a tracción.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...