InicioSucesosPrisión para o detido no Porriño por reter durante seis días unha...

Prisión para o detido no Porriño por reter durante seis días unha moza nun domicilio

A muller levaba retida desde o 19 de xullo.

PUBLICADO O

A titular do Xulgado de Instrución número 3 do Porriño decretou a prisión provisional, comunicada e sen fianza, para M.F.R., o home de 26 anos apresado por reter durante seis días nun domicilio a unha moza. Segundo confirman fontes xudiciais, permanece investigado por delitos de detención ilegal, lesións e agresión sexual.

En concreto, a Policía Local e axentes da Garda Civil liberaron este pasado luns a unha muller que levaba retida contra a súa vontade seis días nunha céntrica vivenda do Porriño, polo que o presunto responsable dos feitos, M.F.R., veciño do municipio, foi detido.

Tal como informou o Concello do Porriño nun comunicado, os feitos ocorreron sobre as 06,35 horas, cando a Policía recibiu un aviso a través do 112 Galicia de que unha muller enviase dúas notas manuscritas en papel por unha xanela, nas que pedía axuda ao atoparse retida contra a súa vontade nunha vivenda. Foi unha veciña a que atopou as notas, na que facilitaba datos do presunto autor e a dirección na que se atopaba.

Así, axentes da Policía Local e da Garda Civil desprazáronse ao lugar, comprobando que a dirección coincidía coa dun home que se atopaba en busca e captura por diversos xulgados da provincia e sobre o que pesaba tamén unha orde de ingreso en prisión. Este home protagonizara supostamente un episodio similar nun concello limítrofe, sen poder ser detido.

“Ante tales feitos, os axentes optaron por tocar o timbre sen obter resposta, pero a muller xa alertara de que se o suposto agresor decatábase da presenza policial mataríaa. Ante esta posible comisión dun delito flagrante, optaron por tirar a porta pola forza”, engadiu o Concello. Ao acceder á vivenda, os axentes atopáronse ao home durmindo na cama e á vítima aterrorizada e en estado de nerviosismo. De inmediato e sen darlle tempo a reaccionar, procederon á súa detención.

FORA AGREDIDA

A moza presentaba diversos hematomas no corpo producidos polo agresor co fin de manter relacións sexuais, segundo asegurou a propia vítima. Ela tamén explicou que levaba desde o día 19 de xullo encerrada na vivenda. A súa familia xa denunciara a desaparición tras levar días sen ter coñecemento do seu paradoiro.

Por todo iso, foi trasladada ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde se iniciou o protocolo de agresión sexual, sendo recoñecida por un médico forense. O home foi detido e posto a disposición xudicial como presunto autor dun delito de detención ilegal e un delito de agresión sexual e lesións, con penas que oscilan entre os 15 e os 20 anos de prisión.

O propio alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, felicitou aos axentes que interviñeron por “actuar coa determinación necesaria e sen demoras cando diso dependía evitar un dano grave e irreparable á muller”.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...