Detidas polo furto dun Iphone en Castrelos alegan que “o atopamos e temos dereito a quedárnolo”

Castrelos/ Photopin

Aconteceu un curioso incidente na noite deste mércores en Castrelos, tralo concerto de Morat. Un home botou en falta o seu móbil. Segundo o seu relato, o colleran dúas mulleres e procedeu a recuperalo das súas mans. Cando chegou a policía, elas defendéronse alegando que “o atoparan”, pero unha delas tentou darse á fuga. Ambas foron detidas.

Ás 00:38 horas, os axentes da Policía Local de Vigo trasladáronse ao Parque de Castrelos, onde ao parecer producírase o roubo dun teléfono móbil e o propietario localizara aos autores.

Unha vez no lugar, o propietario do teléfono informoulles de que, atopándose na cantina do parque, cando se dispoñía a pagar unhas consumicións se decatou de que lle faltaba o seu terminal móbil do peto.

A súa parella, que lle acompañaba, comezou a marcar o número de teléfono do terminal botado en falta, comprobando como dúas mulleres que se atopaban a escasos metros ocultaban algo de forma sospeitosa entre as súas pertenzas. O teléfono daba ton de chamada pero colgaban de inmediato.

Ante a actitude sospeitosa das mulleres que abandonaron á carreira o lugar, procederon a seguilas. Ambas se detiveron xunto a outra muller e a varios homes. O requirente observou como unha das sospeitosas portaba o seu teléfono, arrebatándollo das mans.

Cando a patrulla chegou ao lugar, as presuntas autoras do roubo estaban nas proximidades. Manifestaron que atoparan o teléfono e que por iso tiñan dereito a quedarllo.
A primeira das referidas -A.C.P.- intentou neses momentos fuxirse do lugar, sendo impedida a súa fuxida por un dos policías. O terminal telefónico obxecto do furto é un Iphone da marca Apple, valorado en 700 euros.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here