Efectivos do equipo de inspección da Intervención de Armas e Explosivos da Garda Civil da Comandancia de Pontevedra incautáronse de 4.448 unidades de diferentes artigos pirotécnicos nunha empresa en Mos.
Segundo informaron fontes do Instituto Armado, a empresa excedía o límite autorizado deste tipo de artefactos, de categoría F1, polo que a infracción foi comunicada á autoridade competente.
Os artificios pirotécnicos deben ser manexados con precaución, polo que se recomenda sempre adquirilos en puntos de venda autorizados, a provedores de contratastada garantía e conforme á lexislación vixente, lembrou a Garda Civil.
O regulamento en vigor clasifica estes artigos en tres categorías: F1 (artigos de pirotecnia de moi baixo perigo e nivel de ruído insignificante, destinados a ser utilizados en zonas delimitadas, para uso de maiores de 12 anos), F2 (artigos de pirotecnia de baixo perigo e baixo nivel de ruído, destinados a ser utilizados en zonas delimitadas, para o seu uso por maiores de 16 anos) e F3 (artigos de pirotecnia de perigo medio destinados a ser utilizados ao aire libre en zonas de gran superficie e cuxo nivel de ruído non sexa prexudicial para a saúde humana, para o seu uso por maiores de 18 anos).