O xulgado de instrución número 2 de Tui, que investiga a morte de Déborah Fernández Cervera –cuxo cadáver foi atopado en 2002–, acordou nun auto a práctica de novas probas solicitadas polos letrados da familia da nova e accedeu a que se tomen novas mostras de ADN e ao cotexo doutras mostras xa extraídas.
Así, o xulgado accedeu á práctica de dilixencias solicitadas nun dos numerosos escritos dos representantes legais da familia, e que foi presentado xunto cun informe pericial dos criminólogos Carmen Balfagón e Ramón Chippirrás.
Deste xeito, autorizouse o cotexo de mostras de ADN extraídas a diferentes persoas, e que serán comparadas co ADN do pelo achado xunto a Déborah, coa corda atopada debaixo do cadáver e con ADN que se obtivo tras a exhumación do corpo da moza.
Por outra banda, o xulgado tamén accedeu á toma de mostras de ADN doutras persoas ás que, ata o momento, non se lles pediu, e acordouse oficiar á Policía (Grupo II de Homicidios) para que soliciten a colaboración a decenas de persoas, previo consentimento informado e documentado, unha tarefa que xa comezou.
Estas mostras tamén serán cotexadas coas mostras do pelo e da corda, e co ADN que se puido obter tras a exhumación.
INVESTIGACIÓN DE VEHÍCULOS E FENOTIPADO FORENSE
O xulgado autorizou igualmente a investigación de diferentes vehículos que, segundo informacións dos primeiros días tras o crime, foran vistos na zona na que desapareceu Déborah Fernández e na zona na que apareceu o seu cadáver. Estes vehículos foron identificados no seu día, pero non foron investigados policialmente.
Tamén en base ao informe de Balfagón e Chippirrás solicitouse que se autorice ao Instituto de Ciencias Forenses da Facultade deMedicina da Universidade de Santiago de Compostela, o estudo do fenotipado forense coas mostras de ADN de pelo e corda, así como do posible ADN obtido tras a exhumación do cadáver.
A obtención do fenotipado forense permitiría coñecer sexo, color de ollos e pel, orixe xeográfica, idade, cabelo rizado ou liso. Aínda que isto non sexa unha proba concluínte que permita a ninguén a súa participación nuns feitos, si permitiría descartar e dar unha maior información sobre o dono do ADN atopado.
Por contra, o xulgado de Tui volveu negar outras probas solicitadas polos avogados da familia Fernández Cervera para pór en evidencia que “varias das testemuñas que pasaron a declarar faltaron á verdade, pois son evidentes as contradicións entre as declaracións prestadas por distintas persoas do círculo do principal sospeitoso”.
Finalmente, os letrados da familia sinalaron que o informe criminolóxico apontoa a tese que eles mesmos sosteñen desde a reapertura da causa, sobre a aparición de restos de seme na vaxina de Déborah e nun preservativo que estaba á beira do seu corpo.
Así, o informe corrobora que ese seme foi colocado alí co fin de desviar a atención, polo que facer cotexos de ADN con esa mostra “só supuxo unha perda de tempo”. Respecto diso, lembraron, xa o instrutor do atestado de 2010 (informe Arkano) sostivo esa mesma hipótese e ratificouna no xulgado o pasado 21 de outubro.