Arde e estrélase unha avioneta non tripulada no Porriño

Tiveron que mobilizarse recursos de emerxencia.

Unha avioneta non tripulada ardeu este domingo no concello do Porriño, o que ocasionou a mobilización dos recursos de emerxencia, segundo informa o 112.

Ao oito da tarde, o 112 Galicia recibiu a chamada dunha persoa particular que indicaba que acababa de ver unha avioneta arder e caer cara ao monte, nunha zona próxima á estrada A-55 en Tui. Os datos foron transmitidos aos Bombeiros do Porriño e de Vigo, ao GES da Guarda, á Garda Civil e á Policía Local do Porriño.

Tamén se lle comunicou a información á Torre de Control do Aeroporto, ao Servizo Aéreo de Rescate, aos medios forestais, ao 061 e a Protección Civil dos concellos do Porriño e do Rosal.

Minutos despois, os membros de Protección Civil do Porriño contactaron co 112 Galicia para confirmar que deran coa zona e estaban cunha avioneta de aeromodelismo, non tripulada, que ardeu e chegou a estrelarse, sen que houbese que lamentar danos persoais.