A colisión de tres camións rexistrada este venres na autoestrada A-55 ao seu paso polo termo municipal de Mos saldouse con dúas persoas feridas.
Así o informou o 112 Galicia, que indicou que tivo coñecemento do sinistro pasadas as 9,00 horas a través da chamada dun particular que informou dunha colisión entre varios camións na autoestrada A-55, no concello de Mos.
Así mesmo, sinalou que dun dos vehículos saía fume. No transcurso da chamada axentes da Policía Autonómica tamén comunicaron o suceso ao 112 Galicia.
Por iso, os xestores do 112 avisaron a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Baixo Miño e á Policía Local de Mos. Tamén foron informados os Bombeiros de Vigo e a Policía Local do Porriño, ao tratarse o lugar onde ocorreron os feitos, unha zona limítrofe entre ambos os concellos.
Por parte dos servizos sanitarios confirmaron, posteriormente, que dúas persoas tiveran que ser trasladadas.
Para manter e restablecer a seguridade da vía, por parte do CIAE-112 tamén se informou ao Centro de Xestión de Tráfico e aos servizos de mantemento da estrada.