Deteñen a un vigués por dar un lapote e tentar agredir a uns axentes que lle pediron que se puxese a máscara

Un policía local / PL Vigo

A Policía Local de Vigo detivo a un home por dar un lapote, ameazar e tentar a agredir a uns axentes que lle solicitaron que se puxese a máscara e mantivese a distancia de seguridade; e sancionou a outras dúas persoas que lle acompañaban por quebrantar o toque de queda, unha das cales tampouco levaba a máscara posta.

Segundo informou a Policía Local, os feitos ocorreron na rúa Príncipe pasadas as 23,15 horas deste sábado, cando unha patrulla observou que dous homes e unha muller golpeaban os escaparates e o mobiliario urbano. Así, procederon a identificar a estas persoas.

O primeiro deles, un home de 21 anos, foi proposto para sanción por quebrantar as restricións horarias impostas en Galicia ante o covid-19. A continuación, a muller, que non portaba identificación pero resultou ser unha veciña de 24 anos, tamén foi proposta para sanción por non utilizar máscara e incumprir o toque de queda.

A terceira persoa –que tampouco estaba documentada– non levaba máscara e, ao pedirlle que lla puxese, “comezou a mostrar unha actitude agresiva” e a “encararse” cos policías. Entón pedíuselle que gardase a distancia de seguridade e un dos axentes estendeu o brazo para establecer unha liña de seguridade, momento en que o home lle propinou un lapote.

Ante esta situación, os axentes realizáronlle un cacheo, durante o que o home tentou morder a man do axente que o suxeitaba e tratou de darlle cotenadas. Así, os efectivos víronse “na obrigación de reducilo”, momento en que mantivo a súa actitude “extremadamente agresiva” e proferiu ameazas”.