InicioSucesosA reconstrución do accidente de Salceda segue pendente, co sobrevivente investigado por...

A reconstrución do accidente de Salceda segue pendente, co sobrevivente investigado por homicidio imprudente

No choque faleceron unha muller e os seus dous fillos de 13 e 6 anos, residentes en Salvaterra. O condutor do outro vehículo permanece en estado grave.

PUBLICADO O

A reconstrución do accidente que se produciu na noite do pasado venres en Salceda de Caselas, no que faleceron unha muller (María Luisa G.) e os seus dous fillos de 13 e 6 anos, residentes en Salvaterra, segue aínda pendente de realizar e será clave, xunto con outras dilixencias pendentes, para determinar as causas deste sinistro, cuxa investigación dirixe o Xulgado de Instrución Número 1 do Porriño.

No marco do procedemento investígase ao condutor do segundo vehículo implicado, A.L., de 32 anos, por un delito de homicidio por imprudencia grave, pero esta cualificación podería variar en función de como evolucione a investigación e de como conclúan as dilixencias pendentes.

Unha das máis significativas que se solicitou é a reconstrución dos feitos por parte do Equipo de Reconstrución de Accidentes de Tráfico (ERAT) da Garda Civil, con base en Mérida. Este equipo encargouse, en 2019, de reconstruír o accidente que custou a vida a tres adolescentes dun instituto de Redondela e cuxo vehículo se accidentou cando circulaba pola AP-9, preto de Rande.

O informe que realizou este equipo no seu día foi clave á hora de concretar que o vehículo no que viaxaban os mozos circulaba con exceso de velocidade. Tamén no caso de Salceda será fundamental para aclarar se puido haber un exceso de velocidade ou se, pola contra, este non foi un factor determinante nos feitos.

Fontes consultadas ratificaron que a reconstrución do sinistro de Salceda aínda non ten data, pero podería tardar días. No caso do accidente da AP-9 realizouse máis dun mes despois do sinistro.

Unha vez se faga, o equipo de Tráfico elaborará un informe coas conclusións, paso que se podería demorar semanas ou mesmo meses, e que será remitido ao xulgado que instrúe a causa. Ao xulgado tamén se enviarán directamente os resultados das análises de sangue do condutor –como dita o protocolo habitual, custódianse as mostras para facer, por exemplo, unha proba de alcoholemia se así o ordena a autoridade xudicial–.

PRIMEIRAS HIPÓTESES

En todo caso, á espera de que se realicen estas dilixencias, as primeiras hipóteses extraídas da observación das posicións dos dous vehículos sinistrados, entre outras cuestións, ratifican o choque frontal rexistrado no lugar de Parderrubias, en Salceda, no punto quilométrico 5,700 da PO-510.

A.L. conducía o seu Renault Mégane por unha calzada con dous carrís no seu sentido e un no outro, polo que viaxaba no seu Citroën C4 a muller falecida e os seus dous fillos. Tamén hai un cambio de rasante.

As primeiras conclusións ás que chegaron os investigadores no lugar é que a muller se atopou de fronte co vehículo conducido por A.L., que tería invadido parcialmente o carril contrario, o que a levou a realizar unha manobra brusca. O outro condutor faría á súa vez un movemento similar, o que provocou finalmente o choque frontal.

En principio, conclúese que houbo unha desatención ao volante por parte do condutor sobrevivente, pero será determinante saber se se tratou dun descoido e por que, ou se houbo algún factor máis que influíse no sinistro. Diso encargaranse as dilixencias pendentes.

O SOBREVIVENTE PERMANECE GRAVE

Tras o sinistro, o condutor sobrevivente foi trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, con feridas graves.

Fontes confirmaron que este martes A.L. permanece na unidade de coidados intensivos (UCI), estable dentro da gravidade.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...