Investigan a aparición dun cadáver en avanzado estado de descomposición nunha casa en Moaña

A Garda Civil impide o paso tras atopar o cadáver dunha persoa / Guardia Civil

A Garda Civil investiga a aparición dun cadáver en avanzado estado de descomposición, que foi localizado no interior dunha vivenda na parroquia de Meira, en Moaña.

Segundo informaron a Europa Press fontes do Instituto Armado, o achado produciuse na tarde do martes, cando a propietaria da casa, que levaba baleira bastante tempo, accedeu ao seu interior para “ventilar”.

A muller tivera alugada a vivenda, pero facía tempo que estaba desocupada. Este martes, cando entrou para ventilar, atopouse un cadáver no chan.

O mal estado do corpo non permitiu a súa identificación e, segundo fontes da investigación, nin sequera está claro que sexa un home ou unha muller. As mesmas fontes explicaron que haberá que esperar á autopsia para coñecer de quen se trata e, mentres, non se descarta ningunha hipótese sobre o motivo do falecemento, incluída a posibilidade dunha morte natural.