Denunciados unha vintena de condutores de motos e vehículos todoterreo en controis en montes do Porriño e Salceda

Control da Garda Civil dos accesos motorizados ás zonas forestais da comarca da Louriña, no Porriño e Salceda de Caselas.. GARDA CIVIL

A Garda Civil identificou e denunciou a unha vintena de condutores de motos e vehículos todoterreo no marco de controis levados a cabo nos accesos motorizados ás zonas forestais da comarca da Louriña nos municipios pontevedreses do Porriño e Salceda de Caselas.

Segundo informou o Instituto Armado, o pasado fin de semana realizou un dispositivo para previr o “acceso incontrolado” de vehículos a motor nos montes da comarca da Louriña e a súa contorna, co obxecto de evitar danos “que viñan producindo no patrimonio natural e forestal da zona”, abundou.

“O incremento da circulación de vehículos a motor nos montes dos municipios do Porriño e Salceda de Caselas durante os últimos meses xa motivara a denuncia de varias comunidades de montes e demais usuarios, que puñan de manifesto o grave prexuízo causado polas motos, os quads no medio natural e forestal da contorna”, explicou a Benemérita.

Por iso, durante a mañá do pasado domingo día 21 de febreiro realizáronse de modo simultáneo varios puntos de control nas paraxes forestais destes dous municipios pontevedreses.

O operativo foi coordinado polo Posto Principal da Garda Civil do Porriño, que contou coa participación das patrullas do Seprona de Vigo e O Porriño, e, engadiron as mesmas fontes, a “importante colaboración” dos axentes ambientais do distrito XVIII Vigo-Baixo Miño.

Ademais do labor disuasorio, para evitar “o acceso e uso indiscriminado das pistas forestais”, concretou a Garda Civil, por medio destes controis identificáronse e denunciaron a unha vintena de condutores de motos e vehículos todoterreo, “non só por infrinxir a normativa que prohibe a circulación por unha zona forestal, senón tamén por concorrer outras infraccións do Regulamento Xeral de Circulación, como carecer de ITV e seguro de responsabilidade civil, non respectar o cumprir o peche perimetral e non utilizar máscaras“, destacou.

A Garda Civil incide en que ten encomendadas competencias en materia de conservación do medio ambiente e demais aspectos relacionados coa natureza. Deste xeito, lembra que a través do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) “colabora e é un apoio imprescindible” para as autoridades das diferentes Comunidades Autónomas “cumpran os seus labores administrativos na materia”.