InicioSucesosVen "indicios de criminalidade" sobre o cura dos Salesianos de Vigo investigado...

Ven “indicios de criminalidade” sobre o cura dos Salesianos de Vigo investigado por abusos a menores

A xuíza considera que hai indicios de que este sacerdote, co fin de "satisfacer o seu apetito sexual e de vulnerar a liberdade e indemnidade sexuais de persoas menores de 16 anos" levou a cabo tocamentos nos xenitais dos nenos.

PUBLICADO O

O xulgado de instrución número 4 de Cambados  concluíu a investigación sobre os supostos abusos sexuais a menores cometidos por un sacerdote, Segundo C.V., profesor do Colexio Salesianos de Vigo e contra o que, segundo sinala a maxistrada instrutora nun auto, aprécianse “indicios de criminalidade bastantes”.

Segundo se recolle nese auto e confirmaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a investigación determinou que eses supostos abusos producíronse entre o 15 e o 23 de xullo de 2019 en Cambados, durante un campamento de verán que dirixía este sacerdote, e que estaba organizado polo colexio, a través da asociación xuvenil Abertal.

A xuíza considera que hai indicios de que este sacerdote, co fin de “satisfacer o seu apetito sexual e de vulnerar a liberdade e indemnidade sexuais de persoas menores de 16 anos que tiña ao seu cargo” levou a cabo tocamentos nos xenitais dos nenos.

Así mesmo, ademais de determinar que se valera da súa “superioridade xerárquica, derivada de ser sacerdote do colexio dos menores, profesor no mesmo e director do campamento xuvenil“, sinala que hai indicios tamén de episodios anteriores de abuso.

A xuíza cre que abusou de dous menores durante unha peregrinación a Santiago de Compostela en abril de 2019, e un deses menores sufriu tamén tocamentos no campamento de verán. Por outra banda, tamén sinala no seu auto que, en xuño dese ano, abusou supostamente dun menor que acudiu á asociación xuvenil Abertal a ver o partido da final da Champions League.

APERTURA DE XUÍZO ORAL

No seu auto, a maxistrada ordena que se sigan os trámites de preparación para o xuízo por se os feitos fosen constitutivos de seis delitos de abusos sexuais sobre menores de dezaseis anos, tres deles continuados.

Así mesmo, ordena dar traslado ao Ministerio Fiscal e, no seu caso, á acusación particular, para que no prazo de dez días formulen os seus escritos de acusación solicitando a apertura do xuízo oral ou o sobresemento da causa, sen prexuízo de que excepcionalmente poidan pedir a práctica de dilixencias complementarias que consideren imprescindibles para realizar os seus escritos.

PASO POR PRISIÓN E LIBERDADE BAIXO FIANZA

Segundo C.V. foi detido en xullo de 2019, despois das denuncias de varios menores, e o Colexio Salesianos de Vigo apartouno das súas funcións. Tras as primeiras dilixencias, o sacerdote ingresou en prisión e, aínda que a súa defensa solicitou en varias ocasións a súa posta en liberdade, os tribunais denegárona, ata a primavera do ano pasado.

En marzo de 2020 o xulgado de instrución denegou a excarceración, pero a defensa do sacerdote interpuxo recurso de apelación e este foi estimado parcialmente pola Audiencia Provincial, de modo que decretou a liberdade provisional, baixo fianza de 12.000 euros, xunto con outras medidas, como a retirada do pasaporte, comparecencias semanais no xulgado e a prohibición de achegarse ás vítimas.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...