InicioSucesosCondena de 12 anos de prisión a un acusado de tentar asasinar...

Condena de 12 anos de prisión a un acusado de tentar asasinar á súa parella cravándolle un coitelo

O tribunal considerou que "non cabe a menor dubida" respecto "aos feitos e a participación do acusado".

PUBLICADO O

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a 12 anos de prisión a un home acusado de tentar asasinar á súa parella na urbe olívica cravándolle un coitelo, Juan Francisco C.M.

Segundo recolleu a sentenza, contra a que cabe recurso de apelación, o home tamén deberá indemnizar á vítima en 7.650 euros polas lesións causadas e non poderá aproximarse á mesma nin comunicarse con ela por un período superior en dez anos á pena de cárcere imposto.

O tribunal considerou probado que os feitos tiveron lugar o 8 de novembro de 2019 de madrugada, cando o procesado e a súa parella comezaron unha discusión na vivenda desta, situada en Vigo. Posteriormente, a muller foi á súa habitación e, tras tomar uns fármacos, deitouse mentres o seu noivo permanecía no salón-cociña.

Sobre as 7,30 horas, Juan Francisco tombouse na cama xunto á muller e “con ánimo de acabar coa súa vida”, tapoulle a boca coa man e “comezou a cravarlle o coitelo en varias zonas vitais do corpo”, segundo reflicte a sentenza, aproveitando o estado de “relaxación e confianza” dela. Nun momento de distracción, a muller logrou escapar da vivenda e saíu á rúa, onde foi auxiliada, mentres o agresor foi detido cando tentaba abandonar o lugar.

Os xuíces remarcaron que Juan Francisco era “policonsumidor habitual de heroína, cocaína ou cannabis” polo que presentaba un trastorno que non afectaba as súas capacidades intelectivas, mentres a muller sufriu lesións como consecuencia da agresión.

Ademais, sinalaron que, a pesar de que ela non faleceu, “por parte do procesado (…) utilizáronse os medios adecuados para ocasionar o resultado de morte perseguido, que se non se produciu foi por causas alleas á súa vontade”.

PARTICIPACIÓN DO ACUSADO NOS FEITOS

O tribunal considerou que “non cabe a menor dubida” respecto “aos feitos e a participación do acusado (nos mesmos)”. De feito, lembrou que, aínda que a vítima non declarou, o procesado “recoñece que son certos os feitos que se lle atribúen nos escritos de acusación, afirmando ser consumidor de heroína e alcol e consumir varios gramos de cocaína o día dos feitos”.

A este respecto, na sentenza apuntouse que varios veciños declararon que ouviron berros e observaron as feridas que presentaba a vítima ou como a trasladaban ao hospital. Tamén se resaltou que, segundo as forenses, “todo orienta a que as lesións non son autoinfligidas e que polo menos una delas puido comprometer a vida”.

Así mesmo, os xuíces concluíron que no caso “existe ánimo homicida”, o que se deduce de “elementos relevantes tanto da arma empregada, zona do corpo agredida e as características e intensidade da agresión“. Do mesmo xeito, viron acreditada a aleivosía dado “o carácter inesperado, súbito do ataque, sen capacidade algunha de reacción ou defensa para a vítima e sen risco algún para o agresor”.

Adicionalmente, a sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra recalcou que a aleivosía foi “súbita e sorpresiva” posto que “a agresión foi inopinada e inesperada para a vítima” e “sen que esta puidese ter capacidade de reacción, cando se atopaba na confianza da vivenda e durmida“.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Atraso de 40 minutos na liña A Coruña-Vigo por un conato de incendio nun coche do tren

Un conato de incendio declarado entre dous coches dun tren que cobre a liña...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...