Detido tras unha persecución policial con tiros en Vigo

Coche da Policía Nacional / Europa Press.

Un home de 32 anos con nacionalidade albanesa, E.L., foi detido por, supostamente, asaltar unha vivenda en Vigo xunto polo menos outra persoa tras unha persecución policial durante a que se efectuaron disparos ao aire.

Fontes da Policía Nacional confirmaron que, sobre as 21,00 horas deste mércores, tivo lugar un incidente “cun intento de roubo nunha vivenda” que causou a detención de polo menos unha persoa.

Polo momento, a investigación mantense en curso e, no marco da mesma, procederase a realizar unha toma de pegadas e pescudas para coñecer o número de persoas implicadas nos feitos e identificalas, así como determinar os seus medios de desprazamento, entre outros.

As mesmas fontes policiais tamén confirmaron que o suceso se saldou sen feridos, pero, dado que a investigación non concluíu, rexeitaron achegar máis datos.