Identificadas máis de 300 persoas en controis do cumprimento de restricións na provincia de Pontevedra

Houbo controis en Pontevedra, Vigo, Poio, Meis, Moaña e Cangas do Morrazo.

Contro á saída de Vigo / © Miguel Núñez.

Un total de 312 persoas foron identificadas o marco de 59 operativos levados a cabo esta fin de semana na provincia de Pontevedra para controlar o cumprimento das restricións establecidas pola pandemia.

Fontes da Vicepresidencia Primeira da Xunta detallaron que a Policía Autonómica estableceu 24 dispositivos e 35 inspeccións nos municipios de Pontevedra, Vigo, Poio, Meis, Moaña e Cangas do Morrazo entre este venres e este domingo. Así, levaron a cabo 630 actuacións das que 599 tiveron lugar nas dúas cidades.

Deste xeito, no marco do plan de actuacións específicas para controlar o cumprimento das medidas adoptadas para frear a pandemia da COVID-19 realizáronse controis en seis municipios pontevedreses, onde se interpuxeron unha decena de denuncias.

A nivel autonómico, os axentes actuaron en 30 municipios, onde se rexistraron 87 dispositivos e 116 inspeccións que se saldaron con máis de 550 persoas identificadas e a tramitación de 29 denuncias.