Detido un menor por agredir a un policía logo de negarse a pór a máscara

Por outra banda, a Policía Local de Vigo tamén detivo o pasado fin de semana a un veciño da cidade, J.A.P.N., de 44 anos de idade, como presunto autor dun delito de roubo con forza, tras subtraer varios efectos do interior dun vehículo estacionado na zona das Travesas.

Coche da Policía Local de Tui / Concello de Tui.

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un mozo de 17 anos de idade que se encarou cos axentes que o identificaron, cuspiulles e chegou a propinar unha puñada a un deles, todo iso mentres se negaba a porse a máscara.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar na madrugada do pasado sábado, cando unha dotación do 092 deu o alto ao condutor de vehículo de mobilidade persoal (VMP), que presentaba síntomas de atoparse baixo os efectos do alcol (como así se confirmou coa realización do test de alcoholemia).

O condutor resultou non ser o propietario do vehículo, polo que os axentes contactaron co titular para que se fixese cargo do mesmo. No lugar presentouse o dono do vehículo, un mozo de 17 anos de idade que se negou a facilitar os seus datos, comezou a increpar aos axentes, cos que loitou para tentar levar o VMP de maneira violenta.

Este mozo non levaba máscara e increpou aos policías sen respectar a distancia de seguridade. Nun momento determinado, achegouse a un axente e deulle unha puñada na fazula dereita, polo que foi detido por un suposto delito de atentado.

O mozo, segundo o atestado da Policía Local, opuxo unha gran resistencia e lanzando patadas aos axentes. Unha vez dentro do vehículo policial, mantivo a súa actitude agresiva, patalexando e golpeando o habitáculo.

O detido foi trasladado a un centro médico, onde o persoal lle facilitou unha máscara, que el se negou a utilizar. A Policía contactou co seu pai, ao que se informou dos motivos da detención e este tamén se encarou cos axentes, reprochándolles a súa intervención.

ROUBO NO INTERIOR DUN COCHE

Por outra banda, a Policía Local de Vigo tamén detivo o pasado fin de semana a un veciño da cidade, J.A.P.N., de 44 anos de idade, como presunto autor dun delito de roubo con forza, tras subtraer varios efectos do interior dun vehículo estacionado na zona das Travesas.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar na tarde do venres, cando unha testemuña alertou ao 092 tras observar a un individuo romper o portelo dun coche aparcado, e apropiarse de varios obxectos, que introduciu noutro vehículo, no que se deu á fuga.

Unha patrulla interceptou ao sospeitoso que, ao ser preguntado polos efectos que levaba no seu coche (unha batería, dúas pezas metálicas, un alternador e un dispositivo cunha polea), asegurou que os sacou dun coche abandonado que xa tiña o portelo roto.

No entanto, a testemuña que avisara ao 092 ratificou a súa versión, polo que o sospeitoso foi detido por un suposto delito de roubo con forza. Ademais, o titular do vehículo no que se produciu o roubo foi localizado pola Policía, e asegurou que a última vez que o viu o coche non presentaba danos.