Detidos en Vigo por mallar e golpear “brutalmente” na cara a outro de Nigrán

Os veciños do barrio das Angustias levan anos protestando polo descontrol na actividade noctura dos pazos

Nota De Prensa. GARDA CIVIL

Axentes da Garda Civil detiveron a dous mozos de Vigo, de 23 e 19 anos de idade, pola súa presunta implicación nunha agresión a outro home, ao que lle propinaron unha brutal malleira e causáronlle lesións graves na cara.

Segundo informaron fontes do Instituto Armado, os feitos ocorreron na madrugada do pasado 16 de agosto, cando se produciu unha acalorada discusión entre a vítima e un grupo de mozos no pazo de Urzáiz en Nigrán – agora local de ocio nocturno -. Nun momento determinado, a vítima propinou unha puñada a un deles, e tivo que saír fuxindo do local, cos demais implicados perseguíndooo.

O grupo deulle alcance nunha paraxe próxima e, segundo o relato do agredido e segundo o parte médico que achegou na denuncia, foi “brutalmente golpeado na cara”, ata que o deixaron semiinconsciente. Así, os agresores causáronlle importante lesións, con múltiples fracturas na cara, polas que tivo que ser intervido cirurxicamente nun hospital.

As pescudas da Garda Civil permitiron identificar a dous dos mozos que participarían na malleira, dous veciños de Vigo que foron detidos por un presunto delito de lesións. A investigación segue aberta e non se descartan novas detencións. Os dous arrestados ata o momento quedaron en liberdade en sede policial, á espera de comparecer ante o xulgado de instrución número 6 de Vigo cando sexan requiridos.