Detido en Soutomaior un home como presunto asasino da súa irmá e a súa sobriña

O Concello de Soutomaior decretará dous días de loito oficial polo dobre homicidio cometido este venres nunha das súas parroquias, onde un sexagenario matou presuntamente á súa irmá e á súa sobriña.

Nota De Prensa. GARDA CIVIL

A Garda Civil detivo este venres a un home como presunto autor do homicidio da súa irmá e a súa sobriña no municipio pontevedrés de Soutomaior.

Os axentes acudiron a unha vivenda de Monte Coello, en Soutomaior, tras ser alertados por unha testemuña ao redor das 15,15 horas deste venres e atoparon os corpos sen vida de dúas mulleres, nai e filla, con feridas de arma de fogo.

Ademais, xa foi detido o irmán da maior das mulleres, un home de 52 anos de idade, como suposto responsable do homicidio de ambas. A Garda Civil está a investigar as circunstancias que rodean ao crime.

LOITO OFICIAL

O Concello de Soutomaior decretará dous días de loito oficial polo dobre homicidio cometido este venres. Así o confirmou o alcalde desta localidade, Agustín Reguera, que sinalou que, ademais do loito oficial, suspéndense todas as actividades municipais previstas para este fin de semana.

O rexedor constatou a gran “consternación” que se vive no pobo despois deste suceso, ocorrido á primeira hora da tarde na zona de Lourido-Monte Coello. Segundo trasladou, o crime tivo lugar na vivenda do presunto homicida, nunha zona illada e sen veciños próximos.

Fontes da investigación sinalaron que os efectivos da Garda Civil acudiron ao lugar tras recibir un aviso dunha testemuña e atopáronse os corpos das vítimas, con feridas por arma de fogo. O suposto autor dos feitos xa foi detido.