Os servizos de emerxencias localizaron a unha muller falecida no interior da vivenda na que residía en Vigo, onde acudiron avisados polos veciños de que se estaba producindo un incendio.
O suceso rexistrouse nun piso da rúa Joaquín Loriga e os avisos recibíronse ao redor das 1,00 horas deste sábado. As chamas, segundo informou o 112, consumiron case por completo a vivenda e os equipos desprazados ao lugar atoparon á muller xa falecida.
O fume procedente da vivenda foi o que puxo en alerta aos veciños, que chamaron aos servizos de emerxencias para pedir medios de extinción e informaron de que no piso afectado vivía unha persoa. Ata o lugar desprazáronse os bombeiros de Vigo, persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e axentes da Policía Local, aínda que se deu aviso tamén a Protección Civil.
Os equipos de emerxencia apagaron o incendio e confirmaron que a persoa residente na vivenda estaba morta. As circunstancias do ocorrido están a ser investigadas.