Falan veciños de Tui: “A Xunta está ofrecendo diñeiro para que a xente cale, como no Prestige”

Feijóo visita Paramos / Miguel Núñez

C. M., veciña de Tui, que prefire manterse no anonimato por temor a represalias, asegura que en Paramos xa se coñecía da existencia de explosivos, pero tapábase: “Non estou a inventar nada: se teño que ir a un xulgado, vou. Teño medo a dar a cara a non ser que sexa diante dun xuíz. E se a outra xente ten medo a contar, imaxinarvos eu. Tui está podre”, lamenta.

A muller asegura que “non fixeron nada porque tapábanse entre eles. A xente sabía o dos explosivos, e sen ser do pobo. Eu contratara un señor que facía a limpeza da miña finca e ía buscalo a Paramos. E el sabía xa ata que había varios almacéns, e dicía: calquera día rebenta todo. Aínda temos a dúbida de que fora intencionado, como unha vinganza contra o dono da pirotecnia”.

De feito, e tal e como xa relatou o xornal Galicia Confidencial, a ilegalización da pirotecnia debeuse a un longo proceso xudicial que iniciou outro veciño, Paco Gómez, enfrontado ao dono de La Gallega, Francisco González. Este veciño contaba hai uns días a súa versión na Radio Galega e en varias televisións, e acusaba de “neglixencia” á Policía Local, á Guardia Civil e ao anterior alcalde de Tui, o popular Santiago Fernández Rocha, polo acontecido.

Saída do dono da pirotecnia de Tui do Xulgado / Miguel Núñez

Tamén acusa ao PP de Tui coma un dos culpables: “El tiña aquilo ilegal, e quen podía arreglalo era o PP, que gobernou toda a vida en Tui”. Polo tanto, pregúntase: “Todo o tempo que mandou Rocha no concello de Tui, ¿por que non fixo nada? Todos os anos que estivo o PP… que agora como son listos metéronse en Ciudadanos, porque saben que alí está o futuro. Como Manuel González “Rato”, que estivo exercendo no PP toda a vida e agora é o lider de Ciudadanos en Tui”.

DIÑEIRO PARA “CALAR Á XENTE”

Ademais, denuncia que “a Xunta está ofrecendo diñeiro para que a xente cale, dentro de 15 días xa terán o diñeiro, por que?,” pregúntase, cando as axudas tralos incendios tardaron moitos meses.

“Rocha estivo un bo tempo como rexedor de Tui, logo relevouno o tamén popular Moisés Rodríguez, que é o seu xenro, e logo volve Rocha ao poder, e todo o da pirotecnia sempre oculto. Tápase todo”, engade.

C.M. continúa o seu relato e indica que “a Rocha os xulgados mandáronlle demoler un edificio e non fixo nada. Na construción está o seu fillo, e fixéronse obras catastróficas como o Beira Miño, que destrúe o Casco Vello de Tui, Patazumba, un proxecto que chegou a denunciar El País, cortando carballo, manipulando e inculpando a un garda forestal, que saíu absolto pero acabou por aforcarse”.

Con todo, e a pesar das denuncias, Rocha non foi condenado por ningún: “Do caso Patazumba saíron airosos Rocha, o seu fillo e sete persoas máis de presuntos delitos contra a ordenación del territorio, contra o patrimonio histórico, prevaricación, suborno e tráfico de influencias”.

FALOU CON FEIJÓO

Esta veciña incluso chegou a falar persoalmente con Feijóo: “Díxenlle, se queres acabar coa corrupción, este señor, Rocha, é un corrupto, e fun ao pleno de Tui e gritei que era un corrupto, e que se non era verdade ten os xulgados ao lado, por que non me denuncia? Claro que non me denunciou”.

Pouco queda tras a explosión en Paramos / Miguel Núñez

Hai que buscar un responsable, non se pode consentir que só pague aquel home, o da pirotecnia, que decía que alí metía só os paus, pero como mínimo o transportista sabía a verdade. É imposible que só o soubera el“, denuncia.

Varias persoas consultadas por este medio, veciños de Paramos, evitan comentar estas declaracións. Só din que o acontecido foi unha desgracia e que non sabían que o que se almacenaba en galpóns e naves era material que podía estoupar.

“O importante agora é recuperarse canto antes e volver facer unha vida normal”, apuntan.  Sobre as responsabilidades prefiren non pronunciarse. “Para iso está a xustiza”, din sen querer falar dos alcaldes do PP.

“HAI RESPONSABLES POLÍTICOS”

Pero esta veciña, como antes fixera o outro veciño enemistado co dono da pirotecnia, insiste en que hai responsables políticos. “Rocha vive en Guillarei, como non abriu el ningún expediente en tantos anos? Moisés, o seu xenro, tampouco viu nada diso, agora está na Deputación”, engade.

“O meu obreiro, que morreu de cancro, sempre dicía: isto vai rebentar en calquera momento. A xente tiña medo de denunciar. Todos culpan a un só, todos tapan a súa culpa. Hai que buscar aos responsables. Pasou co Prestige: eu tiña unha casa en Ribeira, e despois do Prestige… Nunca vin tanto diñeiro alí, víase en cada bar. Cando Ribeira vivía dos pescadores. Tapouse todo con diñeiro, e co de Paramos vai pasar igual. Queren comprar á xente, en vez de preocuparse por investigar a verdade. Somos así de tontos. Na zona sabíao boa parte dos veciños”, asegura.

Santiago Villanueva, delegado do Goberno en Galicia / Gobierno de España

Tampouco o delegado do goberno en Galicia, Santiago Villanueva, comparte esta opinión e aseguraba o luns que “non constan” denuncias previas sobre os almacéns ilegais de material explosivo localizados esta fin de semana (nin sobre o que explotou o pasado mércores) en Tui. Tamén suliñaba que  o veciño enfrontado co dono de La Gallega nunca denunciou nada na Garda Civil.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here