Constituído un Gabinete de Crise para planificar todas as actuacións tras a explosión de Tui

Os integrantes estudan a posibilidade de pedir ao Estado a declaración de Zona Gravemente Afectada

Este sábado quedou constituído un Gabinete de Crise formado por distintas administracións para planificar semanalmente as actuacións e intervencións necesarias tras a explosión de material pirotécnico que sufriu o mércores a parroquia de Paramos, en Tui (Pontevedra).

O gabinete, proposto pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ao alcalde de Tui, está integrado por representantes do Concello, da Xunta, dos grupos municipais de Tui e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, así como da propia Deputación.

Presidido polo alcalde, Carlos Vázquez Padín, o gabinete acordou este sábado solicitar a incorporación da Administración do Estado ás reunións, que terán lugar cada semana. Entre as decisións tomadas, o Centro de Formación de Tui será o lugar de atención ás persoas afectadas e voluntarias; á vez que se habilitou un número de teléfono e un correo electrónico para calquera información.

Ademais, o Concello de Tui contactou xa co Colexio de Arquitectos, que mostrou a súa disposición a colaborar na zona. Igualmente, crearase un gabinete urbanístico exclusivo para as persoas afectadas, que lles preste asesoramento tanto técnico como xurídico. Serán os servizos urbanísticos da Xunta os que terán que buscar fórmulas que axilicen os condicionantes legais para unha pronta rehabilitación das vivendas que sufriron danos pola explosión, mentres se porá en marcha un programa de reacollo.

O informe das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que coordinan todos os servizos de emerxencia despregados na ‘zona cero’ do suceso, determinou que “non se están producindo problemas” de posibles roubos ou furtos nas vivendas afectadas.

Os efectivos do Consorcio Contra Incendios, adscrito á Deputación de Pontevedra, seguen, pola súa banda, traballando na zona, e esta mesma mañá, persoal do Parque do Porriño procedeu a entrar nos restos de máis vivendas que resultaron danadas na catástrofe. O Gabinete de Crise valorará nos próximos días a conveniencia dunha petición ao Estado de Declaración de Zona Gravemente Afectada.